A valedora do Pobo debe dimitir por amparar a vulneración dos dereitos lingüísticos

Concentración o mércores 18 de outubro ás 11.30 h diante do edificio da Valedora

Desde a súa chegada ao cargo a valedora do Pobo ten recibido ducias de casos de vulneración dos dereitos lingüísticos polo uso do galego. En todos os casos, os expedientes e investigacións abertas terminan xustificando as actitudes contra o galego e nalgúns indo máis alá que a propia administración.

Casos como o da queixa presentada pola CIG Ensino e a Mesa en relación coa redución do horario en galego coa Lomce que aínda é máis que o xa limitado polo Decreto de plurilingüísmo; o da nena de 9 anos que sufriu abuso de autoridade por empregar a forma lexítima Galiza nunha redacción; ou no caso dos sinais de tránsito de Gondomar advertindo de que a toponimia debe estar en castelán obviando que segundo a Lei de normalización lingüísitica, a única forma legal é a galega.

Porén, o exceso de celo é notorio en casos contra o galego, actuando de oficio se for preciso. Como exemplos a petición da valedora da edición en castelán da cartilla de vacinas; a campaña de acoso contra un centro de ensino por pendurar un cartaz a favor do galego; ou a retirada de sinais de tránsito na nosa lingua en Gondomar, actuando de fiscal contra o galego coa colaboración do cuartel da Garda Civil desta vila, coñecido por actitudes abertamente agresivas como a negativa a tramitar denuncias no noso idioma.

Segundo a lei que regula a institución, a súa función debe ser velar polo exercicio dos dereitos fundamentais e as liberdades, mais actúa como se o dereito ao uso pleno e libre do galego non existir ou non fose merecente de facelo, contribuíndo a engadir máis obstáculos dos que xa hai ao seu desenvolvemento e normalización. A valedora do Pobo actúa nas cuestións relacionadas coa lingua  galega cunha visión ideolóxica e sectaria que impiden que continúe no seu cargo un minuto máis.

Con esta  actitude mal pode arrogarse a nobre defensa da sociedade galega nin ser a súa valedora a quen está máis preocupada por defender o statu quo e preeminencia do castelán que aplicar a lei de forma xusta, ponderada e equilibrada.

Volver