A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público fará peches nos centros de ensino durante todo o mes de abril contra a LOMCE e os recortes

Convoca unha concentración o 17 de abril coincidindo co debate do decreto de comedores no Consello Escolar de Galiza

Representantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público anunciaron en rolda de prensa este xoves 4 de abril novas mobilizacións contra a aprobación da Lei de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) e tamén contra as últimas medidas programadas pola Consellaría de Educación, medidas que se traducirán en novos recortes no ensino público. A Plataforma tamén convocou unha concentración para o 17 de abril en Santiago de Compostela coincidindo co debate no Consello Escolar de Galiza, ás 16:45 horas. Os peches van ser rotativos e desenvolveranse durante todo mes nas localidades, nos centros e datas que se detallan no interior da nova.

DATAS E LUGARES E LUGARES DOS PECHES

  • 9 de abril: SANTIAGO (IES Rosalía de Castro)
  • 10 de abril:  A CORUÑA (IES Menéndez Pidal)
  • 11 de abril FERROL (CIFP Ferrolterra)
  • 12 de abril A GUARDA (CEIP A Sangriña)
  • 15 abril  CARBALLO (IES Alfredo Brañas)
  • 15 abril CANGAS (IES Rodeira)
  • 17 abril LUGO (IES As Mercedes)
  • 18 abril  VERÍN (IES Xesús Taboada Chivite)
  • 22 abril BURELA (IES Monte Castelo)
  • 22 abril OURENSE (Xefatura territorial)
  • 23 abril CAMBADOS (IES Ramón Cabanillas)
  • 24 abril RIBEIRA (IES Nº 1)
  • 24 abril VIGO (IES San Tomé Vigo)
  • 25 abril GONDOMAR (IES Terra de Turonio)
  • 26 abril PONTEVEDRA (IES Torrente Ballester)


A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público estase a mobilizar contra o anteproxecto  de LOMCE, para amosar o seu total rexeitamento a unha lei que considera reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática,  e confesional, que liquida a igualdade de oportunidades e que expulsa do ensino os sectores  sociais máis desfavorecidos  da sociedade.

Así o puxo de manifesto na rolda de prensa Anxo  Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, que tamén criticou a actitude do Conselleiro de Educación que actúa con “covardía”, elude defender as competencias que lle corresponden á comunidade autónoma que invade a LOMCE e que lle nega á comunidade educativa galega a posibilidade de debater o anteproxecto. “Nin sequera terá informe do Consello Escolar de Galiza”, lembrou.

A representante  das Federación Provincial de ANPAS de Lugo, Elvira Lombao, denunciou unha das últimas decisións da Consellaría de  Educación, a de eliminar  institutos de ensino secundario  (como o IES As Mercedes de Lugo ou o IES Carballeira de Ourense) converténdoos en centros integrados de formación profesional co obxectivo de recortar profesorado (que a esta altura ademais non pode concursar para obter un novo destino e vai ser desprazado ou suprimido) e para desviar alumnado a centros privados concertados. E todo isto, dixo, coa “tónica xeral” que caracteriza as decisións da Consellaría o “ninguneo da comunidade educativa”.

Ao novo decreto de comedores referiuse en representación da Plataforma o deputado do BNG, Cosme Pombo, que explicou que o PP pretende vender como unha medida progresista e de xustiza social unha norma que suporá todo o contrario.  “Somo a única comunidade de todo o Estado que vai obrigar ás familias a pagar por un servizo necesario para escolarizar ao alumnado que, en moitos casos, ten que usar necesariamente o transporte escolar”, dixo. Pombo referiuse á dispersión de núcleos que existe no país e advertiu que máis de 20.000 familias van ter que pagar agora polo servizo, cunha taxa que ademais se incrementa un 40%.

“O PP ten no punto de mira o ensino galego”, afirmou Alberte Mera, secretario nacional de Galiza Nova, que insistiu na importancia dos peches que comezan o día 9 de abril en Santiago, para visualizar o rexeitamento social que xa se puxo de manifesto en outras mobilizacións e folgas estudantís .

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público fará peches nos centros de ensino durante todo o mes de abril  contra a LOMCE e os recortes

Volver