A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público entregou 482 sinaturas de persoas ligadas á cultura galega que esixen a retirada da LOMCE

Participaron escritores e escritoras, persoas vinculadas ao mundo das artes escénicas, plásticas e á música

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público entregou este martes 18 de novembro no rexistro xeral da Xunta, en Santiago de Compostela, 482 sinaturas de persoas ligadas á cultura galega que, a través da adhesión ao manifesto Cultura galega contra a LOMCE, veñen de sumarse ao clamor popular que exixe a súa retirada.

No acto de entrega participaron os escritores/as Agustín Fernández Paz, Xabier Docampo, Suso de Toro, Rafa Villar, Marta Dacosta; a actriz Isabel Risco, os ilustradores Pepe Carreiro e Xosé Lois “O Carrabouxo”, os músicos Guillerme Ignacio (de Quempallou), Bieito Lobariñas (de Zurrumalla), Antón Castro (de Fuxan os Ventos), Rubén Fernández (de Alvariza);  Marcos Maceira, presidente da A.C. “O Galo” e Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, ademais de representantes das doce organizacións que integran a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público.

“As persoas que estamos aquí estamos traballando para todos, axudando a parar esta lei”, explicou o escritor Suso de Toro que advertiu que, de aprobarse expulsará, moito alumnado do ensino e suporá un recorte democrático. “Estannos quitando o dereito a ter cultura, a ter lingua, o noso espazo, o dereito a sermos cidadáns e cidadás galegos”, indicou.

O escritor Agustin Fernández Paz, docente xubilado, denunciou que con esta lei se pretende destruír  todo o que se construíu nas últimas décadas pola galeguización do ensino. “A frustración que sente a nosa xeración é grande”, dixo para logo insistir na importancia  de opoñérmonos a esta lei porque o ensino é fundamental para traballar pola normalización.

O tamén escritor Xabier Docampo referiuse á LOMCE como “un paso atrás” que ten como obxectivo “impedir ser o que somos, galegos” e para iso lembrou o poema Penélope de Xosé María Díaz Catro, autor ao que se lle dedican as letras galegas este ano, para.

O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, integrante da Plataforma, lembrou que as adhesión ao manifesto “Cultura galega contra a LOMCE” súmanse ás máis de 10.000 sinaturas contra a LOMCE recollidas entre o profesorado o curso pasado, ao éxito de dúas folgas secundadas de xeito maioritario no ensino público galego e a outras iniciativas como as resolucións aprobadas polos claustros e os consellos escolares ou a multitude de mobilizacións coas que se ten rexeitado a LOMCE. “Seguramente ningunha outra lei –dixo- tivo unha oposición tan unánime”.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público está integrada pola AS-PG, CIG-Ensino,  Comités, Liga Estudantil Galega, Sindicato de Estudantes, BNG, Galiza Nova, Federación Provincial de ANPA de Lugo (FAPACEL), Federación de ANPA de Compostela, Federación de ANPA da Costa da Morte, a Federación de ANPA de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público, Federación ANPA Ponteareas (FANPO).

Podes consultar as adhesións ao manifesto aqui

Volver