A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público denuncia que as supresións afectarán ao 25% dos centros de Infantil e Primaria

Pais e nais, alumnado e profesorado concentráronse hoxe diante da Consellaría, en Santiago, para esixir que cesen as supresións que afectarán a máis de 200 centros e 300 profesores/as

Integrantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público quixeron rematar o curso escolar concentrándose esta mañá diante da Consellaría de Educación, en Santiago, para denunciar a supresión de unidades e de postos de traballo nas etapas de Educación Infantil e Primaria. Con consignas como “privatizar o fracaso escolar”, “non aos recortes en Educación” ou “Feijoo trapalleiro, onde metes o diñeiro?” os asistentes esixiron que a Consellaría cese cos recortes no ensino público. No acto estiveron presentes representantes da ANPAS de O Incio, Cervantes, Monforte, Foz e Lugo, localidades afectadas polas supresións.

No acto, a presidenta da Federación de ANPAS da Provincia de Lugo, Elvira Lombao explicou que os ánimos dos pais e as nais están “bastantes caldeados” polas supresións programadas pola Administración. “As ANPAS están mobilizándose en contra destas medidas que ademais afectan sobre todo ás zonas rurais. En Lugo, hai cinco centros que se converten en unitarias e quedan con un só mestre”, advertiu. Elvira Lombao transmitiu tamén que a Xefatura Territorial de Lugo xustificou as supresións en base á demografía e ao envellecemento da poboación e non á crise. “Se queren que a xente volva ao  rural, con este desmantelamento dos servizos básicos, o que van conseguir é todo o contrario”, engadiu.

Novos datos de supresións

Pero o caso de Lugo é son un exemplo do que vai acontecer en todo o país. Segundo informou na concentración Anxo Louzao, o secretario nacional da CIG-Ensino, organización integrante da Plataforma, “temos constancia de que as supresións van afectar a máis de 200 centros de Primaria e Infantil, que se van suprimir cerca de 200 unidades e máis de 300 postos de traballo.” Louzao dixo que o panorama é “desolador”, que se está poñendo en tela de xuízo un dereito universal e que se aveciña un inicio de curso conflitivo. Tamén denunciou que os agrupamentos, que afectarán a máis de 115 unidades, en lugar de ser unha excepción “acábanos convertendo en norma. Estamos -engadiu- ante unha política educativa baseada nunha concepción elitista, na que se escolariza ao alumnado sen importar as condicións”. Louzao lembrou que o ano pasado se suprimiron 14 unitarias e que este se suprimirán “outras tantas”.

Louzao avanzou tamén que en Vigo, por exemplo, as supresións afectarán a 60  profesores/as de Secundaria, que os/as docentes que teñen que impartir materias das que non son especialista superan os 1.000 e lembrou que, fronte aos recortes no ensino público, Educación segue mantendo concertos co ensino privado, en niveis  non obrigatorios, e con centros que incluso segregan o alumnado por razóns de xénero, mentres se liquidan outros proxectos educativos como Preescolar na Casa.

Todos este datos confirman as denuncias feitas pola Plataforma desde o momento da súa constitución no mes de abril, despois da aprobación do RD Lei 14/2012 de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo. A Plataforma segue esixindo que Educación recorra este decreto e deixe de aplicar recortes porque dificultan o acceso á educación das clases sociais máis desfavorecidas, van contra a calidade do ensino e significan maior fracaso escolar.

Volver