A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca para o 31 de Xaneiro mobilizacións contra a LOMCE nas sete cidades

Apoia a folga estudantil do 6 de febreiro, organizará conferencias e pediralle aos Claustros e Consello Escolares que aproben resolucións rexeitando a lei

Representantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público anunciaron hoxe en rolda de prensa mobilizacións en contra da aprobación da nova Lei de Mellora da Calidade Executiva (LOMCE). A Plataforma fai un chamamento aos pais e nais, alumnado, profesorado e sociedade no seu conxunto para que participen nas concentracións convocadas de xeito simultáneo para o 31 de Xaneiro nas sete cidades ás 19:30 h.

Elvira Lombao, que é presidenta da Federación Provincial de ANPAS de Lugo (FAPACEL), explicou que a Plataforma, que está integrada por membros de toda a comunidade educativa,  tamén apoia a folga estudantil e a manifestación convocadas polos Comités e a Liga Estudantil para o 6 de Febreiro no ensino medio e universitario.

Ademais a Plataforma  organizará debates e conferencias para explicar o contido da LOMCE en todas as comarcas do o país e pedirá aos Consellos Escolares e Claustros que aproben resolucións en contra da súa aprobación. “É o momento de dicir que non queremos está lei, que os pais e as nais, o profesorado e o alumnado tamén somos membros da comunidade educativa e temos dereito a dar a nosa opinión”, dixo Lombao.

A Plataforma denunciou hoxe a falta de diálogo coa que o Goberno tramita unha reforma educativa que nada ten que ver coa calidade e que está nas antípodas das necesidades do sistema educativo. Para a Plataforma o anteproxecto invade competencias do Goberno galego e afonda na súa privatización, españolización e confesionalidade.

Na rolda de prensa, denunciouse  que o 2º anteproxecto é mais nocivo e agresivo coas diferentes linguas e culturas do Estado, ata o punto que obriga as administración a pagar no ensino privado os estudos do alumnado insubmiso á aprendizaxe en galego.  Anxo Louzao, integrante tamén da Plataforma, dixo que a lei está impregnada da ideoloxía neoliberal, responde ao obxectivo de mercantilizar o ensino e ordenalo en función dos interesado da patronal do ensino concertado e advertiu que expulsará do sistema educativo ao alumnado con menos recursos e máis dificultades de aprendizaxe. Entre as críticas da Plataforma están tamén a importancia que se lle dá a Relixión católica no currículo, a introdución de dúas reválidas, que dificultarán que moito alumnado remate o ensino obrigatorio, que acumula o poder decisión dos centros na dirección e quítalle competencias ao Consello escolar e ao Claustro.

Volver