A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público anuncia un novo calendario de mobilizacións contra a LOMCE para o último treito de curso

Representantes da Plataforma destacaron en rolda de prensa o éxito da folga do 9 de maio

Representantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público presentaron este martes 28 de maio en rolda de prensa un novo calendario de mobilizacións para os meses de maio e xuño co obxectivo de frear a aprobación da LOMCE. A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público valorou como un éxito rotundo a folga no ensino do 9 de maio e as manifestación nas vilas e cidades galegas nas que participaron máis de 40.000 persoas.
  • Anxo Louzao, en representación do profesorado, lembrou que a resposta do ministro á folga do 9 de maio, que trasladou ao Parlamento do Estado o proxecto de LOMCE, deixa en evidencia o seu talante totalmente antidemocrático. Louzao denunciou que a LOMCE pretende unha españolización absoluta do sistema educativo e evidencia que o poder executivo que reside no Consello de Ministros cambiou de lugar e está na Conferencia Episcopal e na patronal do ensino privado concertado.


En representación das familias, Fernando Lacaci, expresou a vontade de continuar coas mobilizacións para evitar que a LOMCE se aprobe e insistiu en que é unha lei “de parte” e “de partido “ que nace sen o consenso demandado desde hai décadas para unha lei educativa. Lacaci puxo de manifesto que desaparece o papel que tiñan as familias nos Consellos Escolares e denunciou que a Relixión, en lugar de desaparecer, pasa a ser unha materia con efecto chamada “fácil e cómoda” con repercusión no expediente académico e no acceso ás bolsas.

Víctor Giadás lembrou que a LOMCE tampouco conta co apoio do estudantado e fixo un chamamento a participar nas accións aprobadas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público para demostrar unha vez máis “que a comunidade educativa está en contra desta lei involucionista”. 

O calendario de mobilizacións é o que segue:

  1. 30 de maio ás 11:30 h. en San Caetano  Entrega dun escrito no que se insta ao conselleiro de Educación a que, ao igual que fará o goberno vasco e catalá, o Goberno galego presione ao Goberno do Estado para a non aprobación da LOMCE, por ser unha lei españolizadora, antigalega e centralista.
  2. 5 de xuño ás 11:30 h. en San Caetano: Concentración diante da Consellería de Educación. Simulación de “apertura” dun expediente disciplinario ao Ministro Wert, habida conta do seu “maltrato ao ensino público”, mediante o cal “será expulsado” do propio Sistema Educativo. 
  3. 13 de xuño de 19 h. a 20 h. Acto  contra a LOMCE nas diferentes comarcas do país que consistirá na lectura de diferentes textos por persoeiros das diferentes localidades, así como actuacións musicais e outras accións.
  4. Último claustro do curso: A Plataforma instará aos diferentes claustros dos centros educativos para que no derradeiro claustro deste curso académico saquen unha resolución en contra da LOMCE e dos recortes no ensino público deste país.
  5. Mocións nos concellos: Solicitaráselle aos grupos da oposición dos diferentes concellos de Galiza que demanden, nos respectivos plenos municipais, a aprobación dun texto solicitando a non aprobación da LOMCE e que se faga chegar ao conselleiro de Educación.
  6. Cacharelas: Transmitiremos as nosas reivindicacións ás diferentes vilas, cidades e aldeas, co fin de que nas cacharelas do país se “queime a LOMCE” de xeito simbólico.
  7. Coincidindo co debate parlamentario da LOMCE: Levarase a cabo unha Marcha a Compostela dende diferentes localidades e comarcas do país, percorrendo a pé os últimos quilómetros, cando menos, dende as catro estradas máis importantes de acceso a Compostela (Ourense, Lugo, Pontevedra, A Coruña).

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público está integrada pola AS-PG, CIG-Ensino,  Comités, Liga Estudantil Galega,  Federación Provincial de ANPAS de Lugo (FAPACEL), Federación de ANPAS de Compostela, Federación de ANPAS da Costa da Morte, a Federación de ANPAS de Ferrolterra (FEANPAS), Movemento Dezao en Defensa do Ensino Público, Sindicato de Estudantes, BNG, Galiza Nova.

Volver