A “lexislatura do profesorado” da ministra Alegría non arranca: a CIG-Ensino exixe medidas efectivas e inmediatas para mellorar a profesión docente

O sindicato alédase de que os sindicatos estatais asuman a integración no subgrupo A1 de todo o profesorado, unha iniciativa que xa promoveu a CIG en abril de 2022 e critica ao Ministerio por non tomar ningunha iniciativa.

En xaneiro de 2022 o Ministerio de Educación presentou un documento denominado “24 propostas para a mellora da profesión docente”. En resposta a aquel documento a CIG-Ensino presentou unha serie de demandas que o sindicato maioritario en Galiza entendía como fundamentais se realmente se pretendía dar resposta a vellas demandas do profesorado. 

Daquel movemento ministerial non quedou absolutamente nada. Á vista da falta de actuación do Goberno estatal, a CIG-Ensino promoveu unha campaña de sinaturas entre o profesorado galego para trasladarlle á ministra entre outras cuestións, a solicitude da apertura dunha negociación para a integración de todo o profesorado no subgrupo A1, logo da iniciativa do propio Goberno de integrar o profesorado do corpo de PTFP e no camiño do que a CIG-Ensino sempre defendeu de camiñar cara ao corpo único de docentes. 

A campaña, que en tan só mes e medio foi apoiada por máis de 7.000 docentes, foi presentada ao Ministerio no mes de xuño de 2022. 

A resposta do Ministerio non se fixo demorar e aos quince días indicóusenos textualmente que se ben semellante finalidade [a integración xeral no subgrupo A1] non pode descartarse nun futuro, actualmente non conforma un obxectivo inmediato da política de persoal docente do Ministerio”. 

Alegría asegura que esta é a lexislatura do profesorado mais non dá ningún paso adiante 

En xaneiro de 2024 a ministra Pilar Alegría, na súa primeira comparecencia no Congreso após ser confirmada no cargo de ministra de Educación, puxo o profesorado no centro das políticas a desenvolver desde o seu Ministerio. Tres meses despois non hai ningunha nova nin convocatoria pola súa parte para sentármonos a negociar.

Polo camiño vén de aprobarse no Congreso a Lei de ensinanzas artísticas superiores e nela inclúese, aínda que dun xeito que a CIG-Ensino considera limitante, a integración no corpo de profesorado (subgrupo A1) do profesorado do corpo de mestres de taller de artes plásticas e deseño. Con esta nova modificación, o profesorado dos corpos de mestres/as e de profesorado especialista de sectores singulares de FP serán os únicos que se manteñen no subgrupo A2

A CIG-Ensino ve con bos ollos que nestes meses, despois das declaracións da ministra, diferentes sindicatos estatais teñan iniciado campañas e publicado comunicados demandando o mesmo que a CIG-Ensino leva demandando desde sempre e no que se reafirmou hai agora dous anos. 

En todos estes meses o Ministerio non avanzou absolutamente nada e só convocou unha Mesa Docente para tratar a modificación do real decreto do concurso xeral de traslados. 

A CIG-Ensino criticou na reunión co Ministerio que non presentase ningunha proposta e reiterou cales son as cuestións fundamentais que deben ser incorporadas nunha hipotética negociación para dar saída ás xustas demandas do profesorado. 

Que debería facer o Ministerio para cumprir co seu compromiso de facer desta lexislatura a “do profesorado”? 

Estas son as cuestións básicas para a CIG-Ensino dentro do que o Ministerio ten marxe competencial para negociar.

  • Integración de todo o profesorado no subgrupo A1. É unha plena competencia estatal. Non hai escusas. Nin polos precedentes de integración dalgúns corpos nin pola titulación exixida. A integración, sen ningún tipo de exclusión, é a nosa opción prioritaria, como vimos defendendo desde hai anos.
  • Tendo en conta a experiencia da integración do corpo de PTFP en PES e a que será no caso de Mestres/a de taller en Profesorado de artes plásticas e deseño, somos conscientes dos problemas que o Goberno puxo á hora de integrar docentes sen titulación universitaria, polo que no caso de que non se promulgue unha lei de integración xeral, debe regularse -de común acordo coas CC.AA. na Conferencia Sectorial, unha cláusula de equiparación salarial mentres a integración non se poida producir por carecer de titulación, evitando discriminación cando as funcións docentes son as mesmas e respectando o principio de “igual traballo, igual salario”.
  • Negociación dunha nova regulación dos niveis do complemento de destino do profesorado, que permita superar os niveis actuais, co deseño dunha carreira profesional que permita a progresión e mellora dentro da mesma etapa educativa na que se traballa.
  • Regulación da redución das ratios actuais en todas as ensinanzas, coa fixación dunhas ratios máximas para cada etapa educativa, previa modificación do artigo 157 da LOE.
  • Negociación dun novo sistema de ingreso e acceso na función pública docente, cunha fase de oposición na que teñan un maior peso as capacidades e destrezas docentes, evitando que siga sendo a competencia científica a que prime e reforzando a obxectividade nas probas, ampliando en todas as fases que sexa posíbel o anonimato das persoas aspirantes e reforzando o concurso no conxunto do proceso selectivo, con probas non eliminatorias dentro da fase de oposición.
  • Aplicación con carácter de máximos da carga horaria lectiva que o Ministerio regulou como recomendación na Lei 4/2019.
  • Regulación de ámbitos de afinidade vinculados ás especialidades docentes Calquera norma que se aprobe a nivel estatal (desde os horarios lectivos ás atribucións docentes) debe ter un carácter de mínimos, evitando limitar aínda máis a capacidade das administración autonómicas e da negociación colectiva dos sindicatos nas nosas Mesas de negociación.
  • Negociación dunha normativa de xubilación específica para o profesorado, co obxectivo de que se poidan aplicar as normas agora só vixentes para o persoal de clases pasivas, sobre todo o dereito á xubilación anticipada aos 60 cumprindo unha serie de requisitos, superando a división creada pola adaptación na función pública dos efectos das reformas das pensións pactadas polo Goberno español, CCOO e UGT.

Hai moitos aspectos relacionados coa mellora das condicións de traballo do profesorado e cos conseguinte avances no ensino público que son materia de negociación exclusiva de cada comunidade autónoma. A CIG-Ensino nin acepta que se nos negue a capacidade de negociar en Galiza con imposicións políticas ou sindicais estatais nin vai entrar no xogo de presentar propostas que sabe que non poden ser negociadas no ámbito estatal.

CIG-Informa compromiso lexislatura profesorado campaña A1

Documento


Volver