A Executiva Confederal da CIG acorda contactar con CCOO e UGT para convocar conxuntamente as mobilizacións do 19 de xullo

Considera que cómpre dar unha resposta máis contundente e masiva posíbel ás medidas anunciadas por Rajoy no Congreso

A Executiva Confederal da CIG acordou na súa xuntanza de hoxe e ante a gravidade das medidas anunciadas o pasado mércores por Rajoy no Congreso, pórse en contacto coas organizacións sindicais CCOO e UGT de cara a realizar unha convocatoria conxunta de mobilizacións o vindeiro día 19 de xullo.

A Executiva Confederal da CIG considera especialmente graves, polas consecuencias que terán para o conxunto da sociedade e, nomeadamente para os sectores máis desfavorecidos, a diminución da prestación por desemprego a partir dos seis meses do 60 ao 50%; de incrementar os impostos indirectos subindo o tipo xeral do IVE do 18 ao 21% e o reducido do 8 ao10%; de suprimir a paga extra de Nadal das empregadas e empregados públicos; de reducir as empresas e fundacións públicas; de delimitar a prestación de servizos por parte dos concellos, reforzando a cambio as deputacións; de liberalizar o sector servizos; flexibilizar os horarios comerciais ou privatizar os sectores de transporte ferroviario, portuario e aeroportos, entre outras.

Denuncia que todas elas que van dirixidas, unha vez máis, a recortar dereitos e precarizar as condicións de vida e de traballo da maioría social, para que finalmente sexan as clases traballadoras quen paguen unha crise que non provocaron, ao tempo que se protexen e benefician os intereses de banqueiros, especuladores de defraudadores.

Por iso entende que ante esta agresión se precedentes é imprescindíbel que, masivamente, o pobo galego poña de manifesto na rúa o seu rexeitamento, tanto a estas políticas antisociais promovidas polo PP, como aos argumentos empregados para defendelos e a forma de escenificalos.

Anuncia que o próximo luns manterá contactos con CCOO e UGT para concretar os termos do acordo, que serán comunicados posteriormente.

Volver