A Consellaría na obsesión de reducir o dereito a comedor gratuíto dita instrucións que desenvolven un decreto que esta sen publicar

Para a CIG-Ensino a pretensión da Consellaría é a de acelerar o máximo posible recortes

A Consellaría de Educación vén de enviar aos centros que teñen comedor escolar xestionados directamente por ela unha instrución da Secretaría Xeral Técnica -con data 14 de xuño- sobre o funcionamento dos comedores escolares que está baseada nun normativa que aínda está sen publicar pola propia Consellaría.

Trátase dunha actuación ilegal e mesmamente insólita  xa que desenvolve, antes da entrada en vigor do novo decreto de comedores, a súa aplicación. Esta actuación incorrecta amosa unha falta de seriedade impropia dunha administración pública.

A propia Consellaría de Educación non ten inconveniente en saltarse as súas propias normas de funcionamento co único obxectivo de recortar dereitos e o acceso gratuíto ao comedor a unha parte importante do alumnado xa que nestas propias instrucións recolle a cantidade que terán que aportar os/as usuarios/as polo servizo.

Para a CIG-Ensino a pretensión da Consellaría é a de acelerar o máximo posible  recortes nun servizo complementario. Seguramente, de actuar segundo os propios e normais mecanismos da administración, é dicir, non desenvolver unha norma até que estea aprobada, a Consellaría tería problemas para aplicar os criterios restritivos do decreto e cobrar polo servizo.
   

Volver