A Consellaría habilita o “.gal” nas contas de correo edu.xunta

Tarde e con un halo de secretismo difícil de entender mais ao fin e ao cabo xa temos o .gal

Nos primeiros días do ano 2.019 a Consellaría de Educación fixo o que a CIG-Ensino lle reclamara por última vez na semana das letras do 2018, e que non é máis que cambiar o .es polo .gal nas contas de correo do seu persoal, seguindo os pasos xa dados co cambio do portal web.

Desde hai uns días e sen previo aviso o persoal da Consellaría de Educación ten configurado o correo electrónico @edu.xunta.gal, por defecto nas contas de correo. Chama a atención que unha Consellaría tan dada a usar o seu portal web para anunciar calquera actividade ou novidade, non tivera a ben ofrecer esta información a máis de 30.000 persoas usuarias e nun dos servizos máis empregados, como é o correo profesional do persoal docente.

Neste cambio a Consellaría habilitou a redirección desde a conta .es cara a .gal, co cal non perderemos ningún correo. 

De igual forma mantense a posibilidade de enviar os correos desde a conta .es ou desde a conta .gal pero pondo como principal ou por defecto a .gal.

A adopción do correo corporativo @edu.xunta.gal no correo electrónico de todo o persoal docente da Consellaría de Educación dá unha visibilidade a un dominio que ten entre os seus obxectivos fomentar a lingua e a cultura galegas no ámbito das novas tecnoloxías.

 

Volver