A Consellaría de Educación unha vez máis contra o galego

A súa galegofobia vai provocar un gasto importante para recorrer as sentenzas do TSXG por ampararen o noso idioma

A Consellaría de Educación amosa unha vez máis a súa galegofobia ao iniciar os trámites formais ante o Tribunal Supremo para interpor recurso contra as sentenzas ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, TSXG, sobre o Decreto de Plurilingüismo.

A Consellaría decide recorrer contra estas sentenzas que infravalorou no seu día e das que mesmo chegou dicir que apoiaban os principios que inspiraran a norma. Porén agora presenta recurso contra delas, talvez porque, en contra do declarado pola Administración, aprezan que efectivamente estas sentenzas poñen en cuestión o seu modelo lingüístico de redución de presenza do noso idioma no ensino.

Poden adornalo como queiran, mais soamente hai unha conclusión posíbel: a Consellaría entende que as sentenzas poñen en entredito o Decreto, un Decreto non que puxeron moito empeño pois era o mecanismo ideado para reducir a presenza da nosa lingua, e agora estas sentenzas póñeno en cuestión, estimando recursos como o da CIG-Ensino que considera ilegal este Decreto e para o que reclama a súa inmediata derrogación. Precisamente este domingo 27 de xaneiro miles de voces saíron á rúa para reclamar a derrogación deste Decreto e un cambio nas políticas lingüísticas da Xunta.

A Consellaría insiste na súa política contra a nosa lingua, é o seu obxectivo central, e para iso non dubida en gastar importantes cantidades de diñeiro en recorrer estas sentenzas porque amparan o noso idioma.

A CIG-Ensino veu denunciando nestes anos que o Partido Popular emprendeu desde o primeiro día unha cruzada contra o noso idioma, procurando a súa desaparición das aulas, privando así o alumnado do dereito a ser escolarizado na súa lingua propia, e procurando que deste xeito a nosa lingua deixe de ser falada entre as e os máis novos.

En lugar de adoptar políticas decididas en prol do noso idioma e procurar a súa presenza como lingua vehicular nas aulas, medios necesarios para frear a perda de falantes que se comproba ano a ano, a Consellaría de Cultura e Educación, que é a Administración responsábel de velar polo noso idioma, atácao sistematicamente.

Estamos gobernados por un partido que está obsesionado con erradicar as linguas diferentes do español, e así o comprobamos no borrador da LOMCE a través do cal condenan as linguas cooficiais a unha posición de inferioridade respecto do español e das linguas estranxeiras ou subvencionan o descoñecemento da lingua propia, pagando un centro privado ás familias que non queiran escolarizar os seus fillos en galego, ao tempo que introduce mecanismos de control absoluto sobre os contidos das materias, todo isto invadindo gravemente as competencias que lle corresponden ao goberno galego, que submiso e obediente acata e declara que o Ministerio valora e aplica o modelo lingüístico que deseñaron no Decreto de Plurilingüismo, evidenciando as súas pretensión colonizadoras contra a nosa lingua. A CIG-Ensino esixe un cambio de actitude e seguirá traballando para evitar a aplicación de medidas que atacan a nosa lingua.

Volver