A Consellaría de Educación recorta máis dun 20% os gastos de funcionamento de 21 centros de ensino de Secundaria

En 123 centros de ensino de Secundaria (o 36,82%do total) o recorte supera o 9%

Segundo un estudo feito pola CIG-Ensino a Consellaría de Educación recorta nun total de 21 centros de ensino de Secundaria máis dun 20% a partida destinada a gastos de funcionamento. De 334 centros de ensino de Secundaria, nun total de 123 -o que representa un 36,82 % do total de Institutos de Educación Secundaria, Centros Integrados de Formación Profesional e Centros Públicos Integrados - a porcentaxe de recorte nesta partida supera o 9%. Podes consultar o estudo completo no interior da nova.

Podes consultar o estudo completo, por centros na seguinte Ligazón

A CIG-Ensino xa denunciara que no ano 2012, a partida destinada ao gasto de funcionamento destes centros foi de 31.108.000 de euros fronte aos 28.336.500 deste ano 2013. A este decrecemento do 9% respecto do ano 2012 habería que lle engadir o incremento dos prezos dos gastos que os centros teñen que facer fronte con esta partida, pois a calefacción, a luz, a auga, gastos de departamentos, material fusíbel, trasporte para actividades complementarias etc. tiveron unha suba importante en relación ao exercicio anterior.

Número de centros 

Porcentaxe de recorte

21

Do   9% ao 10%

19

Do 10% ao 11%

14

Do  11% ao 12%

13

Do 12% ao 13%

8

Do 13% ao 14%

6

Do 14% ao 15 %

8

Do 15% ao 16%

4

Do 16% ao 17%

3

Do 17% ao 18%

5

Do 18% ao 19%

1

Do 19% ao 20%

21

máis do 20% 

Hai centros aos que aínda incrementando o número de alumnado redúceselle a partida destinada a gastos de funcionamento para este ano. A merma de diñeiro destinada a este concepto reduce a dotación de recursos en centros públicos en relación aos concertados.

A Consellaría con estes recortes persiste na súa cruzada contra o ensino público que impedirá o funcionamento normal dos centros e suporá un deterioro no desenvolvemento escolar e , mesmamente, na calidade do ensino. Téñase en conta que este estrangulamento faise aínda máis grave porque no ano 2012 os centros xa padeceron outro importante recorte na partida destinada a gastos de funcionamento e que estes recortes reduciran as partidas de moitos centros en máis de 20.000 euros.

O PP non ten cancelas na súa política educativa de desmantelamento constante e de redución das necesidades dos centros públicos, mentres malgasta diñeiro público en satisfacer os seus postulados ideolóxicos, mediante o desvío de 240 millóns de euros ao ensino privado concertado, 3 millóns a centros que segregan alumnado por razón de xénero, 29 millóns para pagar profesorado de relixión, máis de 200.000 euros extra para os centros concertados, destinados a servizos que non teñen os centros públicos.

Cada día, a consellaría de Educación anuncia un novo recorte no ensino público. Despois da ampliación do copago nos comedores escolares, da redución do profesorado, da redución de orzamento para a consellaría de Educación, etc., agora, vén este recorte polo que moitos centros terán serias dificultades para o seu funcionamento diario. A CIG-Ensino exíxelle ao PP que analice a súa obsesión de desmantelar o ensino público porque isto supón, entre outras cousas, o incremento das desigualdades sociais e, polo tanto, que as consecuencias as paguen os oprimidos e os explotados.

Volver