A Consellaría de Educación, obrigada a devolver o diñeiro descontado ilegalmente nas xubilacións anticipadas do 2011

A medida afectou a máis de 1000 docentes xubilados

O alto tribunal galego cualifica de “viciada de ilegalidade” a decisión da Consellaría de Educación de aplicar aquel recorte ao profesorado galego que se xubilou anticipadamente no ano 2011. A sentenza incide en criticar a conduta da Xunta, como xa fixera anteriormente noutras sentenzas gañadas pola CIG-Ensino polos recortes na gratificación da xubilación anticipada do 2010.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de ditar unha sentenza firme, en resposta a unha demanda presentada polos servizos xurídicos da CIG-Ensino, na que anula a decisión da Consellaría de Educación de reducir nun 5% as cantidades a aboar ao profesorado que solicitou acollerse no ano 2011 á xubilación anticipada incentivada recollida na LOE, no que foi precisamente o seu último ano de vixencia. Tendo en conta o elevado número de docentes xubilados naquel ano a contía descontada ilegalmente achegaríase a 1 millón de euros. Esta cantidade vense a sumar aos 500.000€ euros que se lle descontaron indebidamente aos docentes xubilados no ano 2010.

A sentenza supón un golpe máis á política de recortes da Consellaría de Educación que, tal e como denunciou a CIG-Ensino no seu momento e agora confirma o TSXG, tomou unha resolución abertamente ilegal, ao aplicarlle a unha gratificación por xubilación a consideración de salario.

Esta sentenza incide no criterio inicialmente expresado por diferentes xulgados do contencioso de toda Galiza, así como do propio TSXG ao respecto da redución do 5% na gratificación da xubilación anticipada do ano 2010. Naquela altura o goberno de Zapatero comezou cos recortes aos empregados públicos coa redución dun 5% da masa salarial de todo o persoal ao servizo da Administración. O goberno de Núñez Feijóo, sempre como un adiantado na aplicación de recortes no sector público que caracterizou a pasada lexislatura e xa está a marcar o inicio deste segundo mandato, decidiu estender aquel recorte ao profesorado que se xubilou anticipadamente en agosto de 2010, aplicando con carácter retroactivo un recorte a un persoal que xa solicitara a xubilación a principio se ano, meses antes de que Zapatero decidira o primeiro recorte salarial do funcionariado.

As sentenzas contra aquela decisión foron contundentes e centráronse na ilegalidade de aplicar un recorte con carácter retroactivo e no feito de que a gratificación non era percepción salarial.

Agora, esta nova sentenza afectaría directamente a 1039 docentes no conxunto do país, que se xubilaron anticipadamente en agosto de 2011. Deles 649 pertencían ao corpo de mestres e 390 aos corpos de secundaria.

Desde a CIG-Ensino demandamos que a Consellaría estenda de oficio os efectos desta sentenza a todo o profesorado que viu reducida ilegalmente a súa gratificación por se retirar anticipadamente, evitando deste xeito que todo este persoal xubilado se vexa obrigado a demandar individualmente para ver recoñecido un dereito que nunca lle debeu negar o goberno de Núñez Feijóo.

Cadro: Profesorado xubilado no ano  2011 afectado pola sentenza do TSXG gañada pola CIG-Ensin

XUBILACIÓNS ANTICIPADAS LOE 2011

 

MESTRES

SECUNDARIA

A CORUÑA

282

177

LUGO

88

54

OURENSE

63

39

PONTEVEDRA

216

120

Subtotais

649

390

Total

1039

 

Volver