A Consellaría de Educación fomenta a infrarrepresentación feminina nas direccións dos Centros Integrados de FP

No 82% dos Centros Integrados de Formación Profesional a Dirección Xeral de FP nomeou a un home na dirección

Como recollen tanto a Lei Orgánica de FP como o Decreto de Regulamento Orgánico dos Centros Integrados de Formación Profesional e a orde que o desenvolve, o nomeamento e cesamento da dirección deste tipo de centros públicos é por libre designación, sendo o único cargo de dirección que se elixe a dedo e non por unha proceso de selección no que a comunicade educativa teña maioría como no resto dos centros. É a persoa responsable da dirección xeral competente en materia de formación profesional a que nomea ás persoas responsábeis da dirección dos centros.

A infrarrepresentación feminina nas direccións é escandalosa, xa que só 5 dos 27 CIFP (menos do 20% dos centros) están dirixidos por unha muller. É inadmisíbel que a propia administración educativa promova a distribución desigual de mulleres e homes nos postos de dirección en centros onde a maioría do profesorado son mulleres.

A CIG-Ensino denuncia esta estrutura xerárquica, antidemocrática e opaca, que discrimina as mulleres, onde non se somete a elección da persoa que ocupa o posto de dirección ao claustro nin o seu mandato a un límite de tempo. O sindicato opúxose a este modelo de designación  tanto na tramitación da normativa estatal como autonómica.

A administración pública incumpre a normativa arredor da igualdade, pero o que é máis grave é que a propia Xunta de Galiza vén de publicar a LEI 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, que recolle:

Os poderes públicos de Galicia adoptarán medidas específicas en favor das mulleres para corrixir situacións patentes de desigualdade de feito respecto dos homes.

Nos nomeamentos de altos cargos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das persoas titulares e membros de órganos de entidades integrantes do sector público autonómico atenderase ao principio de presenza equilibrada.

Esta é unha mostra máis do desleixo e falta de compromiso da administración educativa coa igualdade. Levamos anos exixindo que se negocie e elabore un plan de igualdade para o profesorado, como marca a lei dende o 2007. Logo de que a CIG-Ensino o denunciara en diversas ocasións, e ante o noso enésimo requirimento en Mesa Sectorial a Consellaría anunciou que o Plan de Igualdade era un tema previsto nos traballos da administración e que se comezaría a negociar en xaneiro, mes xa vencido, demostrando que non tiñan vontade de cumprir co compromiso.

Falta de resposta da Consellaría á solicitude de datos da CIG-Ensino e denuncia ante a valedora do pobo

No pasado mes de outubro a CIG-Ensino, a través da Secretaría das Mulleres, solicitou unha serie de datos estatísticos por xénero do persoal docente que puidesen influír na fenda salarial de xénero a través do acceso a información pública da Xunta. A día de hoxe non temos resposta ningunha polo que vimos de trasladar unha queixa formal á Comisionada de Transparencia da Valedora do Pobo, para que recorde a Consellaría de Educación a súa obriga de facilitar a información requirida.

Volver