A Consellaría continúa sen negociar as vacantes ofertadas aos mestres e ás mestras para o curso 2013/2014

Estas vacantes deberían estar publicadas antes do 14 de xullo

A Consellaría de Educación non publicou, a data de hoxe, as vacantes provisionais para adxudicar destino provisional, para o curso 2013-2014, ao profesorado do corpo de mestres. Na propia convocatoria, na que se ditan normas para a adxudicación de destinos, na base vixésima, di que “antes do 14 de xullo de 2013, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos procederá a publicar as vacantes provisionais que se ofertan neste concurso, reflectindo o seu perfil”.

A día de hoxe, nin sequera se realizou ningunha reunión para negociar coas xuntas de persoal as vacantes a ofertar, cando é preceptivo.

A Consellaría xa nos ten afeitos a incumprir as normas que ela mesma dita. O retraso que se está a dar na publicación e negociación destas vacantes indica que a Consellaría cubrirá o expediente, presentando só as vacantes nas xuntas de persoal, pero non negociándoas, vulnerando unha vez máis o dereito que temos os representantes do profesorado á súa negociación.

Este retraso impídenos que, unha vez coñecidas as vacantes ofertadas pola consellaría, poidamos contactar cos centros de ensino para contrastar a proposta feita pola administración e as necesidades dos propios centros.

Segundo a información emanada da Xefatura territorial da Coruña  non teñen nin intención de que as prazas dos centros de secundaria sexan informadas nas xuntas de persoal.

Moito nos tememos que a demora na publicación e ausencia de negociación responda á previsión, unha vez máis, de levar a cabo recortes de profesorado nos centros, xa que no corpo de mestres a data prevista da resolución provisional do concurso é o día 26 de xullo.

A CIG-Ensino esixe a inmediata negociación real das vacantes que teñen que saír no concurso e que deberán responder ás necesidades demandadas polos centros educativos.

Volver