A Consellaría comprométese, tras a concentración da CIG-Ensino, UGT e CCOO, a convocar a Mesa Tripartita para negociar o Acordo de Mantemento de Emprego no ensino concertado

O director xeral de Centros e RRHH comprometeuse, cunha representación das tres OO.SS, a convocar a Mesa Tripartita de Negociación na última semana de maio ou na primeira de xuño para presentarnos unha proposta de Acordo de Mantemento de Emprego

O martes 25 de abril tivo lugar unha concentración de delegados e delegadas do ensino concertado, convocada pola CIG-Ensino, CCOO e UGT para esixirlle á Consellería de Educación, logo de incumprir o seu compromiso da última mesa tripartita de decembro, o comezo de negociacións para acadar un Acordo de Mantemento de Emprego (AME) para darlle estabilidade laboral ás persoas traballadoras deste sector, así como para recuperar outros dereitos laborais. Ademais denunciamos a falta de compromiso da administración e das patronais co persoal do ensino concertado.

Durante a concentración, o responsable de Ensino Privado da CIG-Ensino, Henrique García, reivindicou abrir “negociacións inminetes para negociar as propostas que mellorarían os dereitos laborais destes traballadores e traballadoras e que xa foron formalizadas en xuño de 2022 por parte das tres OO.SS nunha proposta de Acordo de Mantemento do Emprego realista e factíbel. Nese documento recóllense medidas efectivas para resolver o problema inmediato, debido á baixada de natalidade, da estabilidade laboral no sector sen incrementar o orzamento educativo, pois pódense abordar temas como o da rateo docente/alumno aos centros que recolocan, a redución das rateos alumno/unidade no ensino en xeral, a reposición da xubilación parcial con contrato relevo, a obrigatoriedade das patronais de acudir á bolsa de contratación, a redución da xornada lectiva etc, que contribuirían sen dúbida a mellorar a calidade do ensino e a resolver o problema laboral do persoal traballador.

Tal e como lembrou Henrique García, a Consellaría comprometérase a facilitar aos sindicatos unha nova proposta de estabilidade laboral que incluíse avances e melloras laborais neste primeiro trimestre de 2023, mais esta nunca chegou. Cabe resaltar, ademais, que de todas as CCAA, a galega é das poucas que non incorpora ningún dos acordos que si se dan, en maior ou menor medida, no resto.

Durante a concentración de delegados e delegadas púxose de manifesto que se non se aceptan estas propostas a situación pode ser dramática para moitos/as traballadores/as, polo que se non lle pomos remedio, neste curso e nos vindeiros asistiremos ao peche de unidades e perda de postos de traballo.

Despois da mobilización, unha representación das tres organizacións sindicais accederon ao interior das instalacións da Consellaría de Educación para esixirlle o inicio das negociacións ao conselleiro, sendo recibidos polo director xeral de Centros e RRHH, quen se comprometeu a convocar a Mesa Tripartita do ensino concertado na última semana de maio ou primeira de xuño para presentarnos unha proposta de mantemento de emprego acorde ás necesidades dos traballadores e traballadoras. Isto amosa que o noso modelo sindical reivindicativo e combativo é o camiño e non o pactista, entreguista e de pasarlle a man polo lombo ás patronais nin ás administracións.

Volver