A Consellaría actúa de maneira escurantista para suprimir centros, profesorado e agrupar alumnado de diferentes idades

As Xefaturas Territoriais seguen sen negociar as previsións para o inicio de curso

A CIG- Ensino denuncia que a Consellaría actúa de maneira escurantista co obxectivo de suprimir un importante número de unidades e postos de traballo, e agrupar alumnado de diferentes etapas, cursos e ciclos. A esta altura, as Xefaturas Territoriais continúan sen negociar as pretensións para o inicio do curso, cando existen datos que indican que vai haber numerosas supresións -nomeadamente nas zonas rurais- tanto de centros como de unidades e prazas de profesorado. Así mesmo pretende estender de maneira desorbitada os agrupamentos de alumnado.

A CIG-Ensino ten constancia de que Inspección educativa se dirixiu ás direccións de diferentes centros educativos para promover o agrupamento de alumnado. Cos agrupamentos que procura a Consellaría abundarán as unidades con alumnado de diferentes idades, cursos, ciclos e, mesmamente, etapas, xa que teñen a pretensión de levalas a cabo sempre que non superen os 20 alumnos, e incluso nalgúns casos os 25. Os recortes tamén poden afectar, segundo informou Inspección nalgún centro, aos comedores escolares onde hai menos de 23 usuarios.

 

As supresións aplicaranse en todos os niveis educativos xa que, en Secundaria, Inspección educativa anunciou que traballa co obxectivo de reducir en moitos centros un 10% os cadros de persoal. Ademais, incrementarase o número de afíns a impartir. Por exemplo, xa se coñece a intención da Consellaría de que o profesorado de Matemáticas imparta Debuxo en 2º de Bacharelato.

 

Segundo datos que transcenderon desde Inspección educativa en Lugo a supresión de unidades e docentes afectaría a, por exemplo,  Abadín, Triacastela, O Páramo e Barreiros, etc. De cumprírense os criterios, esta situación podería darse en, cando menos, outros 25 centros.

 

En Ourense a supresión afectaría a centros, como: CEIP de Os Blancos, Baños de Molgas, Nosa Señora do Carmen (Calvos de Randín), Carmen García Carrasco (Cenlle), Otero Novas (Cortegada), Pena Corneira (Carballeda de Avia), San Mamede (Montederramo), Padre Crespo, (Xunqueira de Ambía), Roberto Blanco Torres (A Peroxa), de Vilariño de Conxo,  O Castiñeiro (Laza), Medeiros, Manuel Luis Acuña (Ourense), Rodolfo Núñez Rodríguez, (Vilardevós), Vicente Risco (Cualedro), Otero Pedraio (Amoeiro).

 

Na Coruña podería afectar aos CEIP Rodríguez Xixirei, de Lavacolla, Pino de Val e Víctor Saez de Mazaricos, Carreira e Frións en Ribeira, Louro (Muros), O Pindo (Carnota), Abanqueiro (Boiro), CPI de Boimorto, Pontecarreira, ect.  Outros dos centros afectados son A Barquiña, en Cerdido, Mañón e Caión (Malpica).

 

En Pontevedra  ao colexio de Fornelos e de Oca. En Vigo suprímense a EEI Nogal e a da Rúa de Palencia e o Colexio Caixanova, que tiña profesorado público. O traslado de ensinanzas da ESO dende o CPI Celso Emilio Ferreiro ao IES Álvaro Cunqueiro tamén suporá a eliminación de 10 prazas de profesorado

 

Para a CIG-Ensino, as instrucións que se trasladan aos centros confirman que a folla de ruta trazada polo PP inclúe a aplicación de novos recortes no ensino público que irán en detrimento da calidade do ensino e do dereito do alumnado a recibir este servizo público en igualdade de oportunidades.

 

 

Volver