A CIG rexeita o despido dun traballador de Amicos e reclama a súa inmediata readmisión

A dirección responsabilízao duns feitos que non se lle poden imputar ao non estar ao cargo do usuario que sufriu un accidente, polo que queda clara que a intencionalidade é represaliar o traballador e amedrentar o resto do persoal.

A CIG esixe a AMICOS que cese na súa política de "persecución ao conxunto de traballadoras e traballadores e en especial ás afiliadas e afiliados e ás delegadas e delegados de persoal do sindicato, sexa polo medio de modificacións inxustas das súas condicións laborais, sancións ou despedimentos inxustificados". A organización sindical anima a participar na mobilización convocada pola readmisión de A.T.G. ante as portas da sede de AMICOS en Boiro o vindeiro xoves 16 ás 17:30h.

O sindicato amosa a súa indignación ante estes feitos e lembra que o despido deste traballador só é un capítulo máis dunha longa historia de malas praxe e irregularidades dentro dun ambiente de asfixia laboral, no que a toma de decisións unilaterais e sen comunicación previa, a  intimidación, o medo e as coaccións son o día a día, ademais dos despedimentos, dos que nunca se dá o preaviso legal pertinente, unha práctica estendida en Amicos, de quen lamenta a falta de diálogo coa organización sindical e co comité de empresa. No caso de A.T.G. a dirección responsabilízao duns feitos e acomete un despedimento disciplinario que non se lle poden imputar porque non estaba ao cargo nese momento do usuario que sufriu un accidente. Para o sindicato esta decisión é unha represalia pola súa afiliación sindical e unha forma de amedrentar ao resto do persoal.

As delegadas sindicais levan meses denunciando ademais outras situacións laborais como as das excesivas ratios de usuarios e usuarias que teñen que atender, os cuadrantes anuais que non se respectan modificándose máis do 10% da xornada anual en moitos casos e sen o aviso previo de 5 días que establece o convenio ou que non se cubran a totalidade das baixas nin as vacacións con máis persoal, o que leva aparellado unha sobrecarga do persoal que traballa en cada quenda. Estas condicións abusivas sono aínda máis tendo en conta o servizo que se presta no sector da atención á diversidade funcional en persoas adultas, un sector que ademais conta cun convenio con condicións absolutamente desfasadas e non adaptadas á responsabilidade que ten o persoal que exerce as súas funcións nel.

Ademais, a CIG tamén vén reclamando a implantación do Plan de Igualdade da entidade, unha ferramenta obrigatoria por lei e necesaria para garantir os dereitos das traballadoras, así como a instauración urxente do protocolo de administración de medicación ás persoas usuarias, un servizo que ten que ser realizado por persoal cualificado para a administración de certos medicamentos (inxectables intramusculares por exemplo), cuestión que non se está a cumprir e que é responsabilidade exclusiva da actuación neglixente da empresa.

Denuncia ante a inspección laboral

A CIG-Ensino, federación da que depende o servizo de atención á discapacidade, denunciou en reiteradas ocasións publicamente estas circunstancias pero, dada a gravidade dos feitos, levaraas de xeito inmediato pola CIG ante a Inspección de Traballo para que actúe. Está en xogo tanto o respecto ás condicións laborais e á convivencia no centro como a propia atención ás persoas usuarias que, malia a precariedade existente, se produce sempre coa mellor garantía de calidade posíbel por parte das traballadoras e traballadores desta asociación.

Cómpre lembrar que a CIG foi a organización máis votada das eleccións sindicais do pasado mes de marzo entre o persoal de Amicos, malia as claras manobras da empresa para impedilo e intentar conseguir unha maioría claramente favorable á xestión e á dirección no comité, o que finalmente conseguiron de forma que este non representa a maioría de traballadoras/es da empresa. O nivel de presión, por parte de Amicos que sufriron durante este tempo varias das persoas que conformaban a candidatura da CIG obrigounas a marchar deixando por escrito as graves irregularidades que viñan padecendo.

Volver