A CIG reclamará o Día da Clase Obreira Galega o dereito a un emprego digno, á negociación colectiva e á soberanía nacional

A taxa de paro sería do 26,5% de computarse as 77.000 persoas que tiveron que emigrar, na súa maioría menores de 35 anos

Emprego, dereito á negociación colectiva e dereito á soberanía nacional son os tres grandes eixos arredor dos que a CIG conmemora este ano o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega. Con este motivo, convocaranse manifestacións, o vindeiro domingo en todas as cidades, a central en Ferrol, baixo o lema “Contra a pobreza e a explotación. Salvemos os nosos convenios”. Xunto a isto e seguindo a tradición dos últimos anos, a central sindical celebrará un acto, o día 7 de marzo, no que se fará entrega dos Premio 10 de Marzo e 8 de Marzo, a aqueles conflitos laborais que salientaran no ano anterior pola súa defensa dos intereses e dos dereitos das mulleres e da clase traballadora en xeral.

Así o explicou en rolda de prensa o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, quen sinalou que tras do lema de cabeceira das manifestacións, haberá unha segunda pancarta referida á defensa da soberanía nacional de Galiza, porque “nunha data como esta, do Día da Clase Obreira Galega, a defensa dos nosos dereitos nacionais, do dereito de autodeterminación, do dereito a decidir libremente como pobo, pasa tamén a un primeiro plano”.

Máis aínda, sinalou, dadas as circunstancias actuais nas que se está a dar “unha concentración da riqueza e do poder tan enorme, en poucas mans” e nas que institucionais económicas, financeiras e políticas que funcionan totalmente á marxe do control da cidadanía:  a Comisión Europea, o BCE, o FMI, “están a ser determinantes nas políticas económicas laborais e sociais que fan os estados e sobre as que non temos control ningún”.

Por iso, subliñou que “temos que reivindicar a defensa do dereito á soberanía das nacións, dos pobos a ter realmente institucións políticas con competencias, institucións ás que poidamos presionar e sobre as que poidamos decidir, para que as políticas que se fagan sexan en función dos intereses da maioría social e non dunha minoría, que son as oligarquías financeiras que controlan esas institucións”.

Unha taxa de paro do 26,5% se se computara ás persoas que emigraron

Para deixar constancia da gravidade da situación, o secretario xeral da CIG fixo un percorrido polos datos recollidos no informe elaborado polo Gabinete de Economía, tomando como base os proporcionados pola EPA, sobre o “Mercado laboral en Galiza. 2012”. Datos que constatan o grave deterioro da situación ao longo destes últimos cinco anos.  Así, lembrou que a finais de 2012 había en Galiza 270.700 desempregados/as, un 20,7% da poboación activa, 12 puntos máis que en 2008, cando a taxa de paro era do 8,7% . Nese período aumentaron en 156.000 as persoas desempregadas, ou o que é o mesmo,  un 136%  e deles 47.400 perderon o seu posto de traballo no ano 2012. E fixo especial fincapé en que do total de persoas desempregadas, 112.000 non cobran ningún tipo de prestación, o 41,5%.

Porén, para a CIG é especialmente preocupante a cantidade de xente que emigrou neste período de tempo, mozos e mozas altamente cualificados: “77.000 galegos/as que se sumáramos aos actuais desempregados/as estariamos falando de 347.700 persoas, un 26,5% da poboación activa. Un dato que situaría a taxa de paro en Galiza por riba da media do estado”. Xunto a isto, salientou a forte destrución de emprego que houbo nestes últimos anos. “Hai 160.700 ocupados menos, deles 43.600, un 20% menos, corresponden ao ano 2012. Deses 160.00 ocupados menos, 140.000 son menores de 35 anos dos que 30.000 perderon o emprego durante o ano 2012”.

O secretario xeral da CIG alertou de que as previsións no son mellores para 2013. Nese sentido, sinalou que nos propios orzamentos da Xunta fálase dunha caída no crecemento económico e unha caída do PIB o que irá acompañado da perda de máis emprego e da destrución de máis postos de traballo. “Non hai máis que ver os datos de febreiro e o que caeu a contratación, no caso concreto de Galiza por riba da media do Estado”.

Isto, ao seu entender, pon de manifesto algo que a central sindical viña denunciando desde o inicio da crise, “que as reformas laborais non son a solución para a creación de emprego, todo o contrario” e que o único que favoreceron foi facilitar e abaratar o despedimento. “O que se fixo foi dar pé a que as empresas puideran despedir a traballadores/as fixos/as para substituílos/as por traballadores/as con contratos temporais a tempo parcial e ademais subvencionados, un auténtico chollo”.

Negociación colectiva

Unha das reivindicacións principais deste 10 de marzo é a negociación colectiva. “Unha ferramenta básica das traballadoras/es e das centrais sindicais para ir mellorando as condicións laborais”, explicou Seixo, quen denunciou que o obxectivo da reforma é provocar unha caída nos salarios de forma xeneralizada no estado español, de arredor dun 25%  e que por iso se introduciron facilidades para que as empresas poidan descolgarse e non cumprir o convenio colectivo e “que poidan asinar convenios de empresa por debaixo do convenio do sector, que até o de agora estaba prohibido.

Ante isto, denunciou que dada a complicada situación laboral, “aos empresarios élles moi doado ameazar a traballadoras/es para que renuncien a unha parte dos seus salarios porque senón van a ir a unha redución de postos de traballo. É fácil que se asinen convenios de empresa aceptando redución de salario e incremento da xornada laboral”.

Xunto a isto, lembrou que até o de agora os convenios, unha vez perdían a súa vixencia prorrogábanse mentres non se asinaba o novo. Porén, en xullo de 2012 ao asinárense a reforma, limitouse o período de prórroga, ou sexa, de ultraactividade, a un ano. Iso implica que en xullo de 2013 “segundo os nosos datos, en torno a 400.000 traballadores/as, corren o perigo de perder o seu convenio colectivo”.

As consecuencias sería, segundo Seixo, gravísimas, porque se abren dúas posibilidades: que as empresas se acollan a un convenio de ámbito superior, en condicións inferiores ao convenio provincial ou de empresa, xa que normalmente nos de ámbito estatal as condicións son inferiores aos de carácter provincial ou de empresa. Ou, se non hai un convenio de ámbito superior no seu sector, imporíanse as condicións mínimas, Salario Mínimo Interprofesional e ás condicións laborais que fixa o Estatuto de Traballadores.

Por iso proclamou que “estamos ante un ataque sen precedentes a un dereito fundamental para a clase traballadora como é o dereito á negociación colectiva. Un ataque que se está a dar non só no estado senón en todos os estados da periferia de Europa. Preténdese provocar unha caída xeneralizada dos salarios e precarizar as condicións laborais para intentar ser competitivos fronte outras potencias no mercado internacional que teñen unhas condicións laborais peores.”

Unha situación que explicou, é realmente difícil e fronte á que a CIG ten tomada a decisión de “combater”. De feito, asegurou que a central sindical acordou “negarnos a asinar convenios de empresa que estean por debaixo dos sectoriais, de negarnos a pactar convenios sectoriais que supoñan recorte de dereitos laborais e, polo tanto, promover a  mobilización e a contestación social necesaria para impedir que detrás deste recorte de dereitos que se dá na negociación colectiva regresemos a condicións laborais de hai 50 ou 60 anos”.

En todo caso, especificou que a CIG é consciente de que a situación é difícil mesmo para mobilizarse porque hai moito medo nos centros de traballo, agora o que non estamos dispostos como central sindical é a pactar nesta perda de dereitos, de condicións de vida e laborais da clase traballadora.

Horarios e lugares de saída das manifestacións

-Ferrol: 12:30 horas, Avenida do Esteiro (local da CIG). 

-Vigo: 11:30 horas, Cruce de Lepanto con Gran Vía. 

-A Coruña: 12:00 horas, Praza de Vigo.

-Compostela: 12:30 horas, Praza Roxa.

-Lugo: 11:30 horas, Ronda da Muralla (local da CIG).

-Ourense: 12:00 horas, Pavillón dos Remedios

-Pontevedra: 12:00 horas, Praza da Ferrería.

Mercado laboral e prestacions 2012

Volver