A CIG-Ensino volve acusar a Consellaría de falta de transparencia na elaboración do Decreto que regula a ordenación e a organización da FP en Galiza

Na Mesa Sectorial a administración limitouse a contestar, a preguntas do sindicato, que está traballando na súa elaboración e xustificou que non é obriga legal colgar ningún documento na fase de exposición pública, que rematou o 30 de xaneiro

Con respecto á confusión xerada nos últimos días pola publicación de tres borradores de Ordes por parte do Ministerio sobre os currículos dos títulos de grao básico, medio e superior cómpre aclarar que se trata de normativa a aplicar só no seu ámbito de xestión, é dicir, nas cidades autónomas de Ceuta e Melilla. Para o resto de CCAA segue vixente como referencia normativa o RD 659/2023 polo que se desenvolve o sistema de Formación Profesional e os catro borradores de RD que modifican os títulos dos ciclos de grao básico, medio, superior e cursos de especialización. Onte mesmo recibimos do Consello Escolar do Estado unha nova versión do Proxecto de Real Decreto que modifica o RD 659/2023 no que se mantén a proposta horaria mínima que deben ter os novos módulos que se incluirán nos currículos dos ciclos medios e superiores.

A CIG-Ensino intensifica as súas críticas cara á Consellaría de Educación, nomeadamente cara á Dirección Xeral de Formación Profesional, ante a falta de transparencia absoluta que rexe a regulación da nova formación profesional en Galiza e que, previsibelmente, entrará en vigor o vindeiro mes de setembro. Na Mesa Sectorial deste martes o sindicato manifestou a súa preocupación polo atraso que leva a adaptación da normativa básica estatal, ao respecto doutras CCAA nas que xa hai borradores, e o feito de que non fora convocada unha Mesa Sectorial para abordar a adaptación dos currículos dos ciclos e cursos de especialización ao RD 659/2023 que desenvolve o sistema da Formación Profesional.

Responsábeis da Consellaría limitáronse a indicar na Mesa que están traballando na elaboración desta normativa e confirmaron que en ningún momento estivo a disposición pública ningún borrador do Decreto que regula a ordenación e a organización da FP en Galiza, malia anunciarse nunha nova na súa web e permanecer aberto o prazo para facer achegas no portal de transparencia da Xunta desde o 16 ao 30 de xaneiro. A súa argumentación foi que “non hai obriga legal de publicar ningún documento” e, aínda que isto xuridicamente é así, a CIG-Ensino afeoulles o intento de manter á marxe o profesorado afectado que precisamente non fixo achegas porque descoñecía o contido da proposta da administración. Pódese consultar toda a información sobre a intervención da CIG-Ensino na Mesa Sectorial sobre este asunto nesta ligazón.

Polo demais, e como xa vimos denunciando desde o pasado mes de xaneiro é intolerábel como se está actuando nesta regulamentación que vai afectar moi directamente a todo o profesorado de FP, pero tamén de idiomas estranxeiros de Secundaria, nomeadamente de Inglés, e das materiais comúns que se imparten na FP básica, así como a especialistas de Orientación. É certo que o Ministerio de Educación leva tamén un importante atraso na súa regulación lexislativa mais polo menos fóronse coñecendo todos os borradores de proxectos de RD que son a base para que as CCAA elaboren as súas normativas. Cómpre lembrar que a principal é o RD 659/2023 publicado desde o pasado mes de xullo, polo que a Consellaría de Educación puido ter a estas alturas de curso todo este traballo máis avanzado tendo en conta que só quedan 4 meses lectivos para que remate este curso.  

Audiencia pública de Ordes ministeriais de aplicación en Ceuta e Melilla

Polo demais, ante a confusión xerada nos últimos días pola difusión en diferentes ámbitos de tres borradores de Ordes do Ministerio para trámite de audiencia pública sobre os currículos dos títulos de grao básico, medio e superior é preciso aclarar o seguinte:

- Estas Ordes están deseñadas para a súa aplicación no "ámbito de xestión educativa do MEFPD", é dicir, nas cidades autónomas de Ceuta e Melilla. Polo tanto trátase dos borradores xa dos ciclos completos que se van implantar nestes territorios. En calquera caso poden consultarse nesta ligazón.

- Toda a lexislación, tanto aprobada como en fase de borrador, que é de aplicación para o resto de CCAA, incluída Galiza, pode consultarse ao final desta nova. Nestes intres hai catro borradores de RD que modifican os títulos dos ciclos de grao básico, medio, superior e cursos de especialización, así como un Proxecto de Real Decreto que modifica o RD 659/2023 no que se establece que esta sería a duración horaria mínima nos currículos dos ciclos de grao medio e superior dos novos módulos obrigatorios:  


Precisamente onte mesmo a CIG-Ensino recibiu do Consello Escolar do Estado  unha nova versión deste proxecto de RD e no que con respecto á antiga proposta se introduce unha rectificación positiva ao incluír de novo o carácter gratuíto dos cursos de acceso aos ciclos formativos medios e superiores (por parte de centros públicos) e recupera a súa impartición anual, o que ofrece máis garantías de que agora si se van ofertar.

En calquera caso é moi importante aclarar que o que o MEFFD ten publicado para o seu ámbito de actuación non é de aplicación directa nin sequera referencia para Galiza. A Consellaría de Educación  ten competencias propias para actualizar os currículos e só ten que cumprir a normativa básica estatal que está aprobada no RD 659/2023 e modificada neste proxecto de RD posterior. Con todo, a base para poder elaborar a distribución horaria dos módulos profesionais actuais dos ciclos, así como dos novos módulos (ver táboa superior) e do tempo que ten que estar o alumnado na empresa xa está regulada.

A CIG-Ensino foi moi crítica desde a tramitación da LOFP con algúns aspectos que posteriormente se confirmaron na súa redacción, como a dualización de toda a oferta de ciclos básicos, medios e superiores e a redución da carga horaria dos módulos profesionais en detrimento de maior tempo de permanencia nas empresas por parte do alumnado así como a implantación de novos módulos que nalgúns casos xa se imparten de forma transversal en todos os ciclos e noutros casos non son necesarios, como a obrigatoriedade do inglés profesional sen ter en conta o currículo de cada ciclo. Porén, dado que aínda existe marxe para actuar dentro destas limitacións é preciso e urxente que a Consellaría de Educación negocie e se abra a recibir a opinión de todo profesorado a través da súa representación sindical na Mesa Sectorial docente porque unha reforma deste calado non se pode facer de costas ao persoal docente.


Curso da CIG-Ensino sobre as implicacións docentes do novo RD 659/2023

Para despexar dúbidas arredor da nova normativa e o estado de tramitación na que está a CIG-Ensino botou a andar esta semana un curso de 30 horas online no que aínda se pode matricular quen teña interese enviando un correo a formacion@cig-ensino.gal

Volver