A CIG-Ensino valora como un éxito rotundo a folga contra a LOMCE que secundou preto do 90% do profesorado e do alumnado

Máis de 40.000 persoas participaron nas mobilizacións convocadas en todo o país pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público

A CIG-Ensino valora como un “rotundo éxito” o seguimento en Galiza da folga contra a LOMCE, un dos territorios do Estado onde a participación foi máis elevada. Preto do 90% do alumnado e o profesorado non estiveron hoxe nos centros educativos. “Foi un verdadeiro éxito e debera servir para que o Goberno do Estado paralice unha lei tan letal para o ensino público galego”; explicou hoxe Anxo Louzao, o Secretario Nacional da CIG-Ensino.

Accede á Galería de Fotos das manifestacións da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público

Nas mobilizacións deste xoves 9 de maio insistiuse en que a LOMCE supón afondar na privatización do ensino, ao que traslada a ideoloxía neoliberal do PP, afoga o sistema educativo galego, aumenta a confesionalidade, liquida a xestión democrática dos centros, expulsa ao alumnado do ensino e pon en tela de xuízo o dereito a educación.

“O Goberno do Estado ten que saber que a imos combater ata o final e que se a aproba, esta lei é unha lei que nacerá morta, porque nos traslada ao franquismo, a unha visión españolista e reaccionaria, que veta o ensino no noso idioma e non é capaz de admitir currículos adaptados  á realidade do noso país”; explicou Anxo Louzao.

A CIG-Ensino tamén denunciou, unha vez máis, a actitude do Conselleiro de Educación que actúa como  vasalo do PP en lugar de defender o ensino público galego. “O profesorado demostrou hoxe que está a altura das circunstancias e que non está disposto a aceptar unha lei que supón un retroceso de máis de 50 anos”, engadiu Louzao.

No día  de hoxe a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público tiña convocadas 24 mobilizacións en todo o país nas que participaron máis de 40.000 persoas, entre elas moito profesorado, alumnado, nais e pais comprometidos cun ensino público, galego e de calidade. 

Manifesto da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público

Hoxe o ensino galego, co seu apoio maioritario á folga, afirmou firme e rotundamente NON Á LOMCE!  e amosou o seu total rexeitamento a unha lei reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática,  e confesional, que liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino os sectores  sociais máis desfavorecidos  da sociedade.

A LOMCE pretende trasladar ao ensino público un modelo neoliberal que afonda nas diferenzas sociais, no canto de contribuír a que todas e todos teñamos acceso en igualdade de condicións a unha educación pública de calidade.

A LOMCE é recentralizadora e españolizadora, facilítalle ao alumnado, se é necesario, a matriculación nun centro privado, pagado por todos e todas nós, para evitar a súa escolarización no noso idioma. Procura o máximo control dos contidos a través do Goberno central, uniformiza mediante as reválidas e marxina aínda máis a nosa lingua. Impón  un modelo lingüístico que elimina o ensino en galego e invade as cativas competencias que temos, coa intención de afastar totalmente o ensino da nosa realidade social, histórica, cultural e lingüística.

Medidas como estas non só van repercutir negativamente no ensino público, senón que van fortalecer o ensino privado concertado que se verá favorecido coa creación de centros de excelencia, mediante a  selección do alumnado. Blíndanse os concertos económicos cos centros privados, mesmo con aqueles que segregan o alumnado por razón de sexo, malia existir sentenzas que ditaminan a súa ilegalidade.

A LOMCE reforza a confesionalidade e impide o ensino laico. O anteproxecto mantén o ensino da relixión no currículo escolar, contemplando unha materia alternativa en Primaria e na ESO, que computarán no expediente académico, converténdose así nun efecto chamada para que o alumnado se matricule en Relixión.  No Bacharelato, a materia de Relixión ten a consideración de materia específica, isto é, está situada entre as que o alumnado cursará un máximo de 3 e un mínimo de 2.

É un anteproxecto profundamente antidemocrático, que traslada o sistema de xestión empresarial ao ensino. Elimina o Consello Escolar como órgano de goberno e baléirao de todas as competencias. A dirección será elixida pola administración e terá plenos poderes para tomar unilateralmente decisións de transcendental importancia para os centros e para propor ou rexeitar o profesorado  que sexa proposto pola administración.

Liquida a igualdade de oportunidades ao impor un sistema de continuas barreiras selectivas para que só unha minoría acceda aos estudos postobrigatorios e universitarios. É unha lei elitista, clasista e segregadora, xa que estabelece reválidas para poder acceder á titulación correspondente en 4 de ESO e en Bacharelato. Impón un sistema máis selectivo  mediante itinerarios que  condena, prematuramente, o alumnado a optar a titulacións diferentes no ensino obrigatorio, condicionando  de maneira temperá  o seu futuro académico e laboral.  

A LOMCE pretende crear, mediante os programas de calidade e especialización curricular, diferentes categorías de centros e atender, con máis recursos e medios, aqueles que mellor resultados acaden, previa selección do alumnado, no lugar de procurar que todos os centros conten cos recursos necesarios para que todos e todas, con independencia da súa procedencia social ou xeográfica, reciban unha  formación de calidade.

Este anteproxecto de lei desautoriza, desconfía e xerarquiza o profesorado. É profundamente antipedagóxico, xa que a consecución da titulación do alumnado vai depender do resultado azaroso dunha única proba ao rematar o ensino obrigatorio e postobrigatorio. A isto hai que lle engadir a desvalorización da Formación Profesional e o desvío do alumnado cara a unha FP Básica, que nin sequera conduce á mínima titulación, baixo a escusa de favorecer a empregabilidade.

A LOMCE reflicte as posicións ideolóxicas máis extremas e reaccionarias do PP. Un anteproxecto de lei ao servizo da patronal do ensino privado concertado e da mercantilización da educación que confirma os actuais concertos educativos, legaliza os centros que segregan alumnado por razón de sexo, facilita a planificación escolar en función do ensino concertado, reproduce un sistema xerárquico e empresarial  para o funcionamento dos centros, impide o acceso das clases populares á educación e impón unha educación baseada na competitividade, na exclusión social e na desigualdade, e non nun ensino equitativo, inclusivo e intregral, cuxo obxectivo principal debe ser a formación de persoas críticas e responsábeis.

Despois do éxito da folga de hoxe  e porque a LOMCE significa un retroceso de décadas e elimina a igualdade de oportunidades, volvendo a unha sociedade na que o valor das persoas está en función do que posúen e na que o futuro depende de onde e en que familia se nace, a Plataforma Galega para a Defensa do Ensino Público esixe a retirada deste anteproxecto e un ensino público galego, laico e democrático.

Galiza, 9 de maio de 2013.

Artigo de opinión no que o secretario nacional da CIG-Ensino valora a xornada de folga

  • A CIG-Ensino valora como un éxito rotundo a folga contra a LOMCE que secundou preto do 90% do profesorado e do alumnado

Volver