A CIG-Ensino vai presentar recurso contencioso administrativo diante do TSXG contra o decreto de admisión de alumnado

Solicitará a súa nulidade unha vez que a Xunta decidiu modificar os criterios de admisión para favorecer a selección de alumnado por parte dos concertados

A CIG-Ensino vai presentar un recurso contencioso administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza contra o decreto de admisión de alumnado aprobado pola Xunta. A CIG-Ensino solicita a súa nulidade ao entender que a Xunta modificou os criterios de admisión para favorecer a elección de alumnado por parte dos centros privados concertados.

O decreto aprobado pola Xunta introduce a posibilidade de que o centro, de xeito arbitrario, poida outorgar un punto no baremo de acceso. Para a CIG-Ensino este cambio supón romper a unidade de criterio e vai servir para que os centros concertados, diante dunha mesma puntuación, poidan optar polo alumnado que prefiran. 

Para a CIG-Ensino, que presentou 32 emendas ao decreto no momento do seu debate no Consella Escolar, a decisión da Xunta responde ao obxectivo de facilitar que a ordenación do sistema educativo nos grandes núcleos de poboación se faga en función dos intereses do ensino privado concertado, deixando o público como subsidiario sen garantir a igualdade de oportunidades, o acceso a un ensino público e laico e  a transparencia nos criterios de admisión.  O decreto tampouco garante o dereito a que os pais e nais poidan escolarizar os seus fillos ou fillas no ensino público e teñan que facelo, por exemplo, nun centro con ideario confesional.

O propio Consello Consultivo no seu ditame concluíu que o decreto non é conforme co ordenamento xurídico no que ten que ver cos criterios de admisión (artigo 9). O Consello advirte sobre a súa indefinición e o risco de que derive en situacións de inseguridade xurídica na medida en que permite a valoración de circunstancias que non se axustan á legalidade e recomendou á Xunta, sen éxito, unha maior concreción dos criterios complementarios que poden establecer os centros.

Cabe lembrar que no propio Consello Escolar a xustificación para defender esta proposta por parte da  Confederación de Empresarios de Galicia e da Federación Galega de Centros Privados foi poder ponderar aspectos como a relación con “antigos alumnos, familiares de docentes ou o desexo de  formación relixiosa ou moral que se desexa para os fillos e fillas”.

A CIG-Ensino denuncia que a Xunta, ademais de facilitar a escolarización en centros con idearios retrógrados segue aceptando os concertos cos centros que segregan o alumnado. Ademais, coa nova normativa, os concertados poden desbotar con maior facilidade o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Ata o de agora, os centros reservaban, ata o remate do prazo de matrícula, o 15% das prazas por unidade para estes rapaces/as e agora fíxase un mínimo do 10%. Tamén desaparece do decreto a referencia de que “coa finalidade de asegurar a calidade educativa para todos/as, a cohesión social e a igualdade de oportunidades, a Consellaría competente en materia de educación, garantirá unha adecuada e equilibrada escolarización do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo nos centros públicos e nos centros privados concertados”.

Educación tampouco estableceu normas que imposibiliten na práctica que as actividades extraescolares nos concertados sexan un criterio discrecional que determine a escolla e a matricula e relaxou a normativa de cumprimento do baremo ao deixar de considerar o incumprimento do decreto como causa “grave” para retirarlle o concerto a un centro.

Volver