A CIG-Ensino traslada as súas propostas á ANECA e ao Ministerio de Universidades sobre os criterios de acreditación

O sindicato considera que o Ministerio non pode descargar toda a responsabilidade na Axencia e insta a ambas partes a negociar os novos criterios

Na reunión da Mesa de Universidades, celebrada o pasado 16 de febreiro, a representación da CIG-Ensino criticou a ausencia dun debate previo coa representación legal do persoal docente e investigador sobre a modificación dos criterios de avaliación do programa de acreditación do PDI funcionario que agora se somete a un proceso participativo non vinculante. 

Como advertimos na reunión da Mesa, consideramos que existe unha responsabilidade compartida entre a propia ANECA e o Ministerio, toda vez que preside o Consello Reitor e que, en ausencia de mecanismos de debate e negociación na Axencia, debería ser o propio Ministerio o que, existindo como existen foros de encontro (Mesa sindical, CRUE…), propiciara ese debate tan necesario antes de tomar medidas ou propoñelas sen consenso previo. 

Seguindo coa liña argumental do expresado na reunión do pasado venres, desde a CIG-ENSINO démoslle traslado por escrito tanto á directora da ANECA como ao secretario xeral de Universidades dunha serie de consideracións que entendemos básicas e fundamentais para modificar a proposta feita pública pola ANECA.

Consideración da CIG-Ensino e proposta de revisión dos criterios de Avaliación do Programa de Acreditación de PDI Funcionario (ACADEMIA 2024).
  1. A ANECA e o Ministerio deben someter a debate en diferentes órganos de consulta e participación, entre os que debe estar a Mesa de Universidades, os criterios de avaliación antes da súa decisión definitiva. Debe existir o máximo consenso á hora de fixar eses criterios e, en ningún caso deben ter carácter retroactivo. 
  1. A proposta da ANECA non permite CVs diversos que, cumprindo uns estándares de docencia e investigación, poidan responder a distintos perfís de profesorado. Todo o mundo ten que ter de todo, incluso tarefas que non son a misión principal do PDI (xestión, transferencia) e impídese a acreditación a quen non complete todos os mínimos nos diferentes subapartados.  Tal e como se presenta, xera unhas dinámicas de superficialidade na actividade docente e investigadora pola presión de obter “certificados” e ser “especialistas” sobre todo —xestión, transferencia, innovación docente…—.
  1. Entendemos que non se pode combinar un sistema de puntos e outro de mínimos porque pode xerar inxustizas. Así, unha persoa que obteña 90 puntos de 100 podería non acreditarse á cátedra porque non alcanza 10 puntos mínimos nun ítem. Alguén que cumpra eses mínimos pero só alcance 50 puntos sí se acreditaría. O sistema é inxusto porque deixaría fóra á persoa con máis méritos, poñendo en cuestión os principios de igualdade, mérito e capacidade. Por tanto, deberían eliminarse os mínimos e os méritos chave, como, por exemplo, ser IP dun proxecto. A proposta sería máis intelixíbel e xusta se se basease nun mínimo de puntos en cada macro apartado: 1) Investigación, 2) Docencia, 3) Liderado. Por exemplo: para ser catedrático poderíanse precisar 50 puntos en cada un deses macroítems, independentemente de en que subítem se consigan eses puntos. 
  1. Os criterios de acreditación modulan o tipo de profesorado que imos ter. Lanzan mensaxes do que vale e do que non. Se a dirección de proxectos, grupos ou actividades é un requisito —e non un mérito—, o que vai provocar é que as universidades con menos PDI se vexan prexudicadas (hai menos grupos, proxectos...) e provocará unha atomización dos grupos e unha diminución da colaboración científica, en contra do propio sentido estabelecido na LOSU, que “fomenta a multidisciplinariedade e interdisciplinariedade mediante unha estrutura interna que permita a cooperación entre os seus diferentes elementos”. Entendemos, por tanto, que son uns criterios que van no sentido contrario á colaboración científica e á creación de masa crítica.
  1. Consideramos que existe unha valoración moi elevada de Docentia (con alternativa de autoavaliación pero con menor puntuación). Entendemos que se trata dun novo exemplo de hiperburocratización (unha avaliación da avaliación); ademais, existen moitas universidades que non implantaron Docentia e non semella adecuado que a falta de actuación dunha Universidade repercuta nas opcións de acreditación do seu PDI. 
  1. Solicitamos que se elimine a exixencia das estadías en universidades e centros de investigación tanto para TU como para CU, ao estar recollido na disposición transitoria 5.3 da LOSU que quen dispoña xa da acreditación de TU e doutras figuras laborais ou tivese iniciado os trámites, non ten que cumprir con ese requisito das estadías. En todo caso, e en referencia ás estadías con previsión de futuro, entendemos que existe unha rixidez na súa valoración e na non modulación por áreas de coñecemento. A exixencia de estadías de duración ininterrompida de cando menos 3 meses na etapa de carreira de TU o CU e que sumen polo menos 1 ano enteiro no segundo caso parece excesiva. Non consideramos realmente necesario 3 meses seguidos noutro centro de investigación, xa que en áreas onde non hai traballo de laboratorio que requira presencialidade, un tempo de 3 meses pode ser interesante, pero difícil de conciliar con outras obrigas académicas e familiares, ou simplemente porque moitas actividades internacionais se resolven hoxe online (reunións, acceso a documentos, elaboración de artigos, colaboración científica…).
  1. Existe unha hipertrofia da valoración da xestión para o acceso a cátedras. En universidades pequenas hai menos cargos unipersoais, polo que haberá menos opción de conseguir a cátedra. A proposta desarbola equipos e xera dinámicas de competencia: se só se contan os cargos unipersoais, a participación en órganos colexiados perderá atractivo e xeraranse dinámicas pouco colaborativas. A cuestión é, por que unha persoa que sexa unha magnífica investigadora e boa docente ten que ser decana ou directora de departamento para poder acceder a unha cátedra?
  1. Vemos tamén esaxerada a valoración das actividades de innovación docente. Resulta bastante intolerábel a cantidade de tempo que se perde nas universidades en dar e recibir cursos de “como dar ben clases” sen avaliar os resultados, coa única finalidade de obter certificados para as acreditacións, mentres que o traballo necesario para atender ben o estudantado e preparar e impartir ben as clases —titorías, dirección de traballos fin de grao ou de mestrado— se computa de forma irrisoria. 
  1. Na cuestión de liderado, deberíanse incluír os grupos de innovación educativa. Restrinxir a "Dirección de equipos de investigación" é inxusto, xa que a dirección de grupos de innovación educativa tamén é liderado, e, en ocasións, investigación. O mesmo sucede no caso de "Recoñecementos e responsabilidade en organizacións científicas e comités científicos e técnicos", nos que só se recoñece a investigación pero non a docencia. Convén recordar que a propia LOSU indica a obrigatoriedade de que investigación e docencia se sitúen ao mesmo nivel. Con este nesgo na interpretación do que é liderado, a investigación segue sendo o máis valorado e, aínda que se fale de liderado, este redúcese practicamente á investigación pero abarca a docencia.
  1. Se a LOSU quere promocionar a interdisciplinariedade e a transdisciplinariedade, non ten moito sentido que se penalicen as teses en codirección se hai dous directores ou directoras de dous áreas diferentes. Ten sentido valorar a codirección nestes casos porque unha soa persoa na dirección non pode aportar nas teses esa interdisciplinariedade. A propia LOSU busca a internacionalización e sinala que “se incentivan os doutoramentos en cotutela internacional”. Acaso unha cotutela non é un modo de codirección?
  1. Consideramos excesiva a valoración da transferencia no acceso a CU, pola extensión temporal e a cantidade de méritos exixidos (6 méritos dun ano cada un deles) e porque prima a valoración de actividades mercantís fronte a outras pro bono. 

Volver