A CIG-Ensino sempre estará onde ten que estar, na defensa dos dereitos das traballadoras e no respecto aos compromisos acadados (XIII Convenio estatal EI 0-3)

A CIG-Ensino responderá coa decisión da asemblea de delegadas á convocatoria de folga en Infantil 0-3 rexistrada por CCOO, nunha actitude sectaria e interesada

Nin é a primeira vez nin seguramente sexa a última que os sindicatos estatais non cumpren e ignoran á CIG-Ensino como sindicato maioritario en Galiza e que participa canda eles nas negociacións en Madrid do XIII convenio estatal de educación infantil etapa 0-3.

Desta vez, a CIG-Ensino denuncia, por unha parte, non sermos convocados a unha xuntanza cos catro sindicatos estatais da mesa (comprometida dende xullo e que solicitamos por activa e pasiva no mes de setembro, para dar continuidade ás mobilizacións conxuntas de xuño en resposta ao inmobilismo patronal) e por outra, non sermos chamados á convocatoria de folga en solitario de varios días, polo sindicato estatal maioritario (CCOO) cunha actitude sectaria e interesada, antepoñendo o seus intereses particulares aos do persoal que di representar, pois busca dinamitar a unidade sindical cunha organización como a CIG-Ensino que ten demostrado que sempre estará onde ten que estar, que sempre respectará os compromisos acadados e dará prioridade aos dereitos do persoal ao que representa. Nesa xuntanza en Madrid das catro OO.SS estatais, rómpese a unidade sindical de acción, ao non ver preciso agora mesmo o trío asinante do mísero XII convenio ( UGT, USO e FSIE ), o dar continuidade ás mobilizacións con folgas, unha vez que a patronal convocou mesa negociadora para o 2 de novembro ( convocatoria mandada a primeiros de outubro).

Consideramos necesario repasar os feitos acontecidos nestes últimos meses:

En xuño fanse concentracións e paros parciais acordados por todas as organizacións sindicais que estamos presentes na mesa negociadora de Madrid. Na Galiza estendemos a protesta a un día completo de folga, sendo as mobilizacións máis maioritarias de todo o Estado.

En xullo, tivo lugar unha mesa negociadora na que as patronais manteñen o seu inmobilismo, botando un claro pulso á parte social, como xa informamos. As OO.SS. decidimos xuntarnos a comezos de setembro e planificar as mobilizacións a levar a cabo (as demais incluso vían ben acudir ao SIMA, ao mesmo tempo,  proposto pola patronal para conciliar e chegar a acordos a través dun xuíz árbitro) Dende CIG non  compartiamos o do SIMA, pois era ir en contra da negociación colectiva e incluso propuxemos deixar marcadas e convocadas mobilizacións e folgas para comezos de setembro. Dende CCOO, como maioritario a nivel do Estado, propúxose decidilo todo nas primeiras semanas de setembro.

A comezos de setembro,  nada se convocou polos sindicatos estatais e o día 6 nunha mesa negociadora doutro convenio, na que coincidiamos todos, comentouse de facer a xuntanza prevista e algún sindicato xa comentou a posibilidade de convocar folga ou folgas de días completos non a vían porque non daban mobilizado ao persoal e que xa lles custara facelo cos paros parciais de xuño, recoñecendo que a mobilización a nivel galego superou todas as demais.

A finais de setembro, ante a pasividade sindical e patronal,  a CIG-Ensino publicou na web unha chamada de atención aos sindicatos estatais na que incidía na necesidade de mobilizarse e actuar.

O 2 de outubro,  a patronal propón varias datas a finais de mes e comezos de novembro, para ter unha mesa negociadora e o 5 convoca a dita mesa para o 2 de novembro, con 2 puntos a tratar e sen nova proposta por escrito: salarios e IT.

O 6 de outubro, solicítase por CCOO un SIMA para acordar servizos mínimos e rexístrase a convocatoria de folga, (a convocatoria do SIMA de Madrid chegou o día 9 para celebrar o día 11). Deben ter a xuntanza os sindicatos estatais, nesa semana, polo que sacan na web os dous sindicatos maioritarios tirándose os trastes e loitando polos seus intereses sindicais de representación...

O 9 de outubro pola mañá, CCOO decidiu unilateralmente e en solitario convocar publicamente 4 xornadas de folga en todo o Estado, sen contar polo menos con nós posto que non fomos chamados nin convocados a ningunha xuntanza; nin estatal, estando na mesa negociadora, nin autonómica, cando compartimos espazos, xuntanzas, fomos xuntos nas concentracións e folga de xuño e saben do noso sentir e posicionamento.  

Isto supón querer romper calquera unidade sindical de acción, ademais dunha irresponsabilidade e falta de respecto á organización maioritaria e ao persoal traballador deste sector en Galiza. Descoñecemos se se reuniron co trío UGT-USO-FSIE. Coa CIG, non.

Na propia mañá do día 9 CCOO en Galiza comunícanos que queren manter a unidade nas mobilizacións, despois de facelas públicas, e informa de que tampouco tiveron coñecemento previo da convocatoria, ao ser unha decisión tomada pola cúpula estatal do seu sindicato.

Dende a CIG-Ensino, en aras de manter a unidade sindical de acción, propuxemos un pacto para que CCOO se comprometese a asumir a reclamación dun Convenio Galego digno no caso de non conseguilo no XIII convenio en Madrid, unha demanda histórica da CIG-Ensino.

Non acadado ese compromiso por parte de CCOO, que prioriza a obediencia ao que lle marquen desde Madrid, dende a CIG-Ensino someterase a decisión final de secundar a folga ou non a unha asemblea de delegadas e delegados do sector, previa consulta por parte destes nos seus centros de traballo e á afiliación sindical.

Volver