A CIG-Ensino rexeita o anteproxecto de reforma educativa aprobado hoxe polo Consello de Ministros

Unha vez máis o profesorado sairá malparado con destrución de emprego, mobilidade forzosa e obriga de impartir materias sen ser especialista

O anteproxecto de reforma educativa aprobado hoxe no Consello de Ministro (E QUE PODEDES LER NESTA NOVA) é unha proposta recentralizadora na medida en que usurpa competencias dos Gobernos autonómicos. Reduce dun 45% ao 35% o dereito para fixar currículos que até o de agora lle asistía á Consellaría de Educación e expulsará do sistema educativo a aquel alumnado con maiores dificultades. “Unha vez máis o profesorado sairá malparado con destrución de emprego, mobilidade forzosa e obriga de impartir materias sen ser especialista. Ningunéase ao profesorado, cuestionando a importancia da profesión de docente e recortando aínda máis os seu dereitos laborais”, explica Anxo Louzao, Secretario Nacional da CIG-Ensino. “Suporá –engade- inestabilidade dos cadros de persoal dos centros, recortes profesionais e laborais e menor calidade no ensino”.

En palabras de Anxo Louzao é un “desatino tanto desde o punto de vista social, como pedagóxico e para a defensa do ensino público”. Para a CIG-Ensino o establecemento de revalidas ao final das etapas educativas reponde a unha visión totalmente clasista e elitista da educación que afonda na exclusión dos sectores sociais máis desfavorecidos. “Supón unha desconsideración absoluta co profesorado xa que o seu traballo queda en tela de xuízo na medida en que desaparece a avaliación continua e as cualificacións finais dadas polo docente”, explica.

A reforma está pensada como unha carreira de obstáculos, que inicia a segregación do alumnado desde 2º da ESO, curso no que se pode iniciar a Formación Profesional Básica. “Incrementará o fracaso escolar, expulsará do sistema educativo a parte do alumnado e desterra a igualdade de  oportunidades”, engade Louzao que lembra tamén que ao final de 3º da ESO o estudante terá que decidir se orienta os seus estudos á FP ou ao Bacharelato. “Promóvese a segregación a través da elección de itinerarios de maneira temperán, e sen posible retorno, co obxectivo de reducir ao máximo o alumnado que cursa estudos Bacharelato e reforzar o ensino privado concertado. Crearanse centros de  elite mediante a especialización curricular e seguramente se amplíen os concertos ao Bacharelato ”, sinala.

Ademais a CIG-Ensino advirte que baixo a denominación de “autonomía dos centros” preténdese facer un ranking de centros educativos en función dos resultados do alumnado sen considerar o contexto socioeconómico e as súas carencias. Os resultados serán tidos en consideración para a dotación de recursos e poden chegar a terse en conta incluso para fixar as retribucións do profesorado. Tamén se pretende eliminar ou reducir a carga lectiva de certas materias, entre as que non se atopa a relixión. Pártese da visión da Educación como competición e ademais preténdese xestionar os centros como empresas. Baixo a afirmación de profesionalizar ás direccións agáchase e eliminación da xestión democrática dos centros e a elección de directores.

En definitiva  trátase dunha reforma educativa que suporá menor calidade do ensino, maior desconsideración do profesorado, unha maior privatización e maior centralización. Suporá maior fracaso escolar e expulsará do sistema educativo en idade temperá a unha parte importante do alumnado.

Na seguinte ligazón tedes o anteproxecto de LOMCE colgado polo MEC na súa páxina.

Volver