A CIG-Ensino rexeita a liquidación do Programa Preescolar na Casa

Continuará coa loita polo mantemento do servizo e dos postos de traballo

O conxunto do persoal da Fundación así como a CIG-Ensino seguiremos a insistir na nosas propostas para saír desta situación e darlle continuidade ao programa ata polo menos o 31 de decembro deste ano.

Ante a situación xurdida polo anuncio do Administrador Concursal da Fundación Preescolar na Casa de liquidar este programa o próximo mes de xullo, a CIG-Ensino e os delegados e delegadas de persoal desa fundación teñen manifestan o seguinte:

 

1.    Os culpábeis da situación son a Consellería de Traballo e Benestar, concretamente a súa Conselleira, e o Partido Popular que tomaron a decisión política de liquidar Preescolar na Casa e destinar os cartos que esta fundación percibía dende fai moitos anos a outras organizacións afíns ao PP, tales como a “Fundación Camilo José Cela”, as “Escravas de Cristo” ou “Rebaño de María”, entre outras.

2.    Parécenos que foi unha temeridade por parte do Padroado de Preescolar na Casa, e unha neglixencia imperdoábel dos seus asesores, solicitar Concurso de Acredores sen ter previamente estudado as consecuencias que isto ía ter cara a solicitude de futuras subvencións para o curso 2012-2013, concretamente as dependentes do IRPF de Madrid. Hai que lembrar que a Fundación non ten neste momento ningunha débeda contraída que non poida pagar e existían outras fórmulas para conseguir evitar os riscos patrimoniais dos membros do Padroado, tales como por exemplo solicitar un “pre-concurso”. Tamén temos que manifestar que á representación das traballadoras e traballadores tan só se nos comunicou a intención de presentar este concurso de acredores, sen entrar en ningún momento a negociar ás súas condicións.

3.    Temos que lamentar así mesmo a actitude do Administrador Concursal nomeado polo xulgado, o cal viña coa clara intención de liquidar o programa Preescolar na Casa no menor tempo posíbel e en ningún momento estivo receptivo ás propostas que dende as traballadoras e traballadores se lle facían, senón todo o contrario, pois non quixo entrar en algún tipo de negociacións reais.

Propostas da CIG-Ensino e das traballadoras e traballadores

 

O conxunto do persoal da Fundación así como a CIG-Ensino seguiremos a insistir na nosas propostas para saír desta situación e que basicamente son a solicitude dun ERE que lle dea continuidade ao programa ata polo menos o 31 de decembro deste ano. Esta proposta estaría xustificada nas seguintes cuestións:

 

a)    Existen fondos dabondo para facer fronte aos custes desta suspensión, tanto polos propios recursos que a Fundación ten neste momento como polas subvención que xa ten concedidas doutros organismos como a Deputación de Lugo, o propio Concello de Lugo, Normalización Lingüística, etc.. Estes fondos permitirían chegar a final de ano sen que a Fundación tivera adquirida ningún tipo de débeda nese momento.

b)    Este tempo permitiría esperar a resolución das subvencións que para o programa veñen de Madrid e que se coñecerán o próximo mes de novembro. Neste punto hai que lembrar que este ano estívose traballando exclusivamente con este financiamento que ascendeu a 550.000 €.

c)    Tamén neses meses debateríase a ILP que está xa en trámite no Parlamento de Galicia e que, de aprobarse, permitiría que este programa seguise a funcionar. O BNG e PSOE manifestaron xa o seu apoio.

d)    Tamén consideramos que se o programa segue “vivo” durante ese tempo, poderíamos seguir a traballar para conseguir a asignación económica necesaria por parte da Xunta de Galicia, se hai cambio de goberno, ven pola vía dos orzamentos para o 2013 ou mesmamente por un cambio político nese organismo. Hai que ter en conta o compromiso que teñen adquirido tanto o grupo de BNG como do PSOE para retomar o programa cando sexa posíbel.

e)    En todo caso, a morte de preescolar neste momento representa unha medida radical que corta todas as posibilidades, non deixando marxe a seguir loitando pola continuidade do programa e polo mantemento dos postos de traballo.

En todo caso, tanto a CIG-Ensino como o persoal da Fundación seguiremos a loitar polo mantemento do servizo que viña prestando dende fai 35 anos Preescolar na Casa así como polo mantemento dos postos de traballo

Volver