A CIG-ENSINO reclama que se recupere o sistema polo que se aprobaban os cambios de libros en Infantil e o 1º ciclo de Primaria

A CIG-Ensino defende que o sistema vixente até o de agora non creaba ningún problema e resultaba máis áxil que o aprobado agora

A Consellaría de Educación vén de modificar a normativa que regula a elección de libros de textos no ensino e o protocolo para poder aprobar cambios. As modificacións afectan tamén as etapas de Infantil e 1º ciclo de Primaria, etapas nas que ate o de agora se permitía unha maior flexibilidade. A CIG-Ensino defende que o sistema vixente ata o de agora para estas etapas non creaba ningún problema e resultaba máis áxil que o aprobado agora.

A elección de libros de texto estaba regulada pola Orde do 22 de xullo de 1997 pola que se regulan determinados aspectos de organización e funcionamento das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria (DOG. 02-09-97), a cal, no punto 4.3 do Capítulo III estabelece:

“4.3. En educación infantil e no primeiro ciclo de educación primaria, dadas as características dos materiais curriculares desta etapa, permítese unha maior flexibilidade á hora de substituí-lo material didáctico.

4.4. Calquera decisión ou iniciativa sobre a implantación de libros de texto e materiais curriculares realizarase por proposta do equipo de ciclo, estudiada pola comisión de coordinación pedagóxica e aprobada polo claustro e comunicada ó consello escolar”.

Con data do 30 de maio, a Consellaría de Educación publica no DOG, a Orde do 29 de maio pola que se determina o período de vixencia dos libros de texto e demais materiais curriculares a cal, no seu punto 2 dí:

“2. Durante este período só poderán substituírse cando circunstancias excepcionais ou de carácter pedagóxico ou científico o aconsellen, e así o determine a xefatura territorial correspondente desta consellería, logo do informe de inspección educativa, previa solicitude do centro.”

E na súa disposición derrogatorira:

“Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan á presente orde.”

O sistema vixente ate o de agora non creaba ningún problema, ao contrario, dadas as especiais características dos materiais curriculares nesta etapa e ciclo que, en realidade, poden considerarse como funxíbeis, resultaba axeitado a realidade. Por esta razón non se entende este cambio na normativa, que implica unha maior carga burocrática para os centros e o propio profesorado.

Por todo o antedito a CIG-ENSINO esixe da Consellaría que modifique a Orde do 30 de maio, e se recupere  a posibilidade de que os centros educativos podan cambiar os materiais curriculares na etapa de educación infantil e no primeiro ciclo de educación primaria, tal e como estabelece a Orde do 22 de xullo de 1997 co fin de facelo dun xeito máis áxil. Educación debería autorizar o material das propias editoriais e non obrigar aos centros a que cada vez que queiran facer un cambio teña que autorizalo a Xefatura Territorial.

Volver