A CIG Ensino reclama que haxa unha oferta de emprego público que cubra todas as vacantes existentes

Se se confirma que Galiza, seguindo as ordes de Madrid, non fai oferta de emprego público, repercutirá na atención ao alumnado

A CIG-Ensino reclamou onte a celebración dunha Mesa Sectorial para tratar a convocatoria de emprego público en Galiza. Hoxe recibimos a convocatoria da mesa para o día 31 de xaneiro. A CIG-Ensino convocará para o día 1 de febreiro unha concentración reclamando unha oferta de emprego pública que dea cobertura ás necesidades do ensino público en Galiza. Esta concentración celebrarase ás 11:00 diante da Consellaría de Educación.

Na Mesa Sectorial, a CIG-Ensino esixirá a convocatoria da oferta de emprego público, unha convocatoria absolutamente necesaria para manter a atención educativa nos centros e para crear emprego. A conxelación da oferta significaría que non se cubrirían as xubilacións que se están a producir neste curso, por non falar das que xa se produciron o ano pasado e que non foron cubertas, o que se traduciu nun déficit de máis de mil docentes no mesmo inicio do curso. Por outro lado, en Galiza sería o terceiro ano consecutivo sen oferta en Secundaria, pois a realizada en anos anteriores foi meramente testemuñal.

A CIG-Ensino esixirá que o goberno galego actúe como tal e faga uso das competencias plenas en Educación realizando oferta de emprego público en Galiza, porque do contrario estaríamos ante un novo recorte, outro máis dos que constantemente vén impoñendo o PP ao ensino público.

Segundo a información que transcendeu da reunión do Ministro de Cultura e Educación coas comunidades, Galiza sería unha das comunidades que previsibelmente aceptará a imposición centralista de non realizar convocatoria de emprego público. Deste xeito o goberno galego estaría renunciando ás súas competencias e asumindo unha recentralización das competencias educativas, xa que a oferta de emprego é unha competencia da administración educativa galega que ten que considerar as necesidades e as carencias do sistema educativo galego, que son diferentes ás que poidan ter outros territorios do estado español. Débese considerar que esta decisión, nin sequera, respecta a posibilidade de convocar o 10 % da taxa de reposición que recolle o Decreto-Lei 20/2011 de medidas urxentes de materia orzamentaria.

Volver