A CIG-ENSINO reclama do Conselleiro de Educación que esixa da Consejería de Educación Castellano-Leonesa o mantemento do ensino do galego nos colexios do Bierzo

A eliminación da oferta de ensino da nosa lingua privaría a máis de mil alumnos e alumnas de contornos galegofalantes destas ensinanzas

Pais e nais da comarca do Bierzo veñen denunciando desde o curso pasado presións para que os seus fillos e fillas non pidan a materia de lingua galega nos centros de Secundaria. Hoxe mesmo, os medios de comunicación recollen que a lingua galega vai ser retirada da oferta educativa do CEIP Jesús Maestro de Ponferrada. Este feito supoñería o incumprimento do Protocolo xeral de colaboración entre a Xunta de Galiza e a Comunidade de Castela e León para a promoción da lingua galega nos territorios limítrofes das comunidades autónomas (Bierzo e Sanabria) asinado en 2006 e do Estatuto de Autonomía de Castilla y León que establece que “gozará de respeto y protección la lengua gallega en los lugares en que habitualmente se utilice”.

A eliminación da oferta de ensino da nosa lingua supoñería privar a máis de mil alumnos e alumnas de contornos galegofalantes destas ensinanzas. Segundo os datos da Consellaría de Educación nas provincias de León e Zamora, o número de alumnas e alumnos que estudan galego ou en galego é de 884 nos centros de infantil e primaria e 147 nos centros de Secundaria. O ensino da nosa lingua nos territorios limítrofes concrétase na impartición opcional dunha hora e media semanal en galego na área de Coñecemento do Medio e tamén a materia de Educación Plástica, seguindo os mesmos contidos que os alumnos que só estudan castelán, no caso de Primaria e en Secundaria estúdase opcionalmente Ciencias Sociais en galego en toda a ESO, tamén cos mesmos contidos.

A CIG-Ensino esixe do Conselleiro de Educación que adopte as medidas necesarias para impedir que o ensino en e da nosa lingua desapareza dos centros educativos dos territorios exteriores de fala galega e que esixa o cumprimento dos acordos asinados no seu día, mediante os cales se materializa o recollido no artigo 21 da Lei de Normalización Linguística en que se especifica que o goberno galego “fará uso do previsto no artigo 35 do Estatuto de autonomía (potestade de subscribir convenios e acordos con outras comunidades) co fin de protexer a lingua galega falada en territorios limítrofes coa Comunidade autónoma”.

Volver