A CIG-Ensino pídelle ao PP que levante o veto á lingua no Parlamento, no ensino e na sociedade

Esta mañá o secretario nacional do sindicato, Suso Bermello, denunciou, xunto co resto de promotores das Bases para a normalización do galego no ensino , que o PP impedira a comparecencia na Comisión de Educación para a explicación do seu contido

Na rolda de prensa participaron responsábeis de A Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), Nova Escola Galega (NEG), Confederación de Anpas Galegas, Confederación Intersindical Galega – ensino (CIG Ensino), Confederación Sindical Independente de Funcionarios- Ensino (CSIF- Ensino) e Sindicato de Traballadores/as do Ensino de Galiza (STEG) e contaron co apoio de deputadas dos grupos do PSdG e do BNG.

A comunidade educativa lamentou esta mañá no Parlamento de Galiza que o Partido Popular vetase a súa participación no debate sobre a normalización do galego do ensino na Comisión de Educación. Representantes das organizacións promotoras da Proposta de bases para a normalización do galego no ensino en Galiza, que foi elaborada de xeito conxunto por tres sindicatos docentes, dúas asociacións de renovación pedagóxica, a Confederación de Anpas Galegas e A Mesa pola Normalización Lingüística, amosaron o seu malestar coa falta de receptividade por parte do Partido Popular a un documento de base que ten máis consenso social que o Decreto 79/2010 de Plurilingüismo, que pola contra foi altamente contestado polo ámbito educativo. Tal e como lembrou o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “en outubro solicitamos unha reunión co Conselleiro de Educación para presentarlle o texto” e, finalmente, a deputada do BNG, Mercedes Queixas, solicitou a comparecencia das entidades propoñentes na Comisión de Educación do Parlamento para explicar esta proposta, ao que se negou o PP. “A nosa proposta é resultado dun proceso de debate aberto, plural e sen exclusións, entre entidades diversas, con ideoloxías e posicionamentos diferentes mais sempre baseado exclusivamente no interese en garantir que o alumnado remate todas as etapas con total competencia nas linguas cooficiais, tal e como estabelece a lexislación. Este documento cumpre, ademais, con todas as recomendacións do Comité de Ministros do Consello de Europa e axústase ao marco legal derivado da Lei educativa e da xurisprudencia”. “Esta proposta pode ser mellorada mais é a única que cumpre con todos estes requisitos”, explicou, “e é deber do Parlamento galego coñecela e chegar a un acordo sobre ela pero para o Partido Popular o veto é a única resposta á necesaria normalización do galego no ensino”.

"A urxencia de levar a cabo canto antes un plan de normalización da nosa lingua vémola nos datos e estatísticas que cada ano son máis alarmantes. Cando 1 de cada 4 menores de 15 anos asegura non saber falar galego temos un problema de emerxencia lingüística no que as institucións galegas, Xunta e Parlamento, deben actuar”, incidiu. “Da nosa banda, presentamos unha proposta de bases para o diálogo, para sentármonos, falarmos e acordarmos futuro e esperanza para o galego e para a cohesión da sociedade galega”, insistiu, á que vez que fixo un novo chamamento ao goberno galego e o PP a deixar de mentir e manipular constantemente a realidade do noso idioma e a sentarse e dialogar sobre a súa normalización”.

No acto participaron Xesús Bermello (CIG-Ensino), Marília Cunha (CSIF Ensino), Fernando Rei (STEG), Xerardo Roca (AS-PG), Fernando Lacaci (ANPAS Galegas) e Marcos Maceira (Mesa pola Normalización Lingüística), que contaron co apoio de Mercedes Queixas (BNG) e Noa Díaz (PSOE).

 

Volver