A CIG-Ensino pediu ao MEFPD que interceda ante o de Seguridade Social para ampliar o prazo de comunicación das altas do alumnado de FCT

O sindicato entende que é a Consellaría a que ten que realizar esta xestión mais fíxolle esta petición ao MEFPD despois de que o profesorado e Feuga confirmaran que se están tramitando máis de 7.700 altas e só hai 10 días de prazo para comunicalas.

Preto de 10.000 estudantes galegos de FP van realizar o módulo de Formación en Centros de Traballo este ano, a práctica totalidade dos mesmos desde comezos desta semana. A día de hoxe, segundo puido confirmar a CIG-Ensino con Feuga, a entidade coa que a Consellaría de Educación asinou un convenio para a tramitación da cotización das prácticas non remuneradas que entrou en vigor desde o 1 de xaneiro, hai entre 7.700 e 7.800 altas en trámite que teñen que comunicarse nun prazo de 10 días desde a incorporación á empresa. Un prazo que é insuficiente tendo en conta o volume de traballo e que non se puido adiantar antes por mor das datas da segunda avaliación. Por este motivo, o sindicato aproveitou a súa asistencia á Mesa Sectorial do MEFPD en Madrid para solicitar que interceda ante o Ministerio de Seguridade Social para que amplíe este período de forma excepcional, como xa fixo coas prácticas que se formalizaron desde o 1 de xaneiro ao 20 de marzo, que se puideron comunicar até o 31 de marzo, nun espazo temporal no que apenas houbo alumnado realizando esta formación práctica. O Ministerio respondeu que analizarían esta problemática porque a consideraban "preocupante".

O inicio da FCT este trimestre está sendo, tal e como era previsíbel, caótico e complexo. Así nolo trasladou o profesorado á CIG-Ensino ao longo desta semana dado que o alumnado comezou estas prácticas entre o luns e o martes maioritariamente e non está dado de alta na Seguridade Social para cumprir a normativa que obriga á cotización das prácticas non remuneradas desde o 1 de xaneiro deste ano. O profesorado quéixase sobre todo da falta de información por parte da Consellaría e que moitas empresas están a pedir o certificado de alta para regularizar esta situación sen que poidan darlles unha resposta. Postos en contacto con Feuga confirmounos que nestes momentos están a tramitar entre 7.700 e 7.800 altas e que o prazo para facer a comunicación oficial é de 10 días desde o inicio das prácticas, algo que ven insuficiente.

A CIG-Ensino considera que ante este volume de traballo, e tendo en conta que as avaliacións foron xusto antes de Semana Santa e que ata estar finalizadas o profesorado non puido enviar os datos sobre a data de inicio e finalización das prácticas, así como do alumnado e das empresas a Feuga, é imposíbel levar a cabo esta xestión neste período temporal. Desde o sindicato instamos á Consellaría de Educación, se non o fixo aínda, a poñerse en contacto co Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións para solicitarlle unha moratoria tendo en conta que vén de estabelecer unha a comezos deste ano para un período no que practicamente non houbo alumnado realizando a formación en empresas. É dicir, para as prácticas que se desenvolveron desde o 1 de xaneiro até o 20 de marzo podía realizarse esta comunicación até o pasado 31 de marzo. 

Con todo, dado que o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, asistiu esta mañá a unha Mesa Sectorial docente convocada polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes aproveitou para pedirlle aos seus representantes que fagan esta xestión diante do Ministerio de Seguridade Social e facilitar así que se poida cumprir a normativa. A resposta dos mesmos foi que se comprometían a “mirar esta cuestión porque lles preocupaba”.

Polo resto desde Feuga informan que entre hoxe e mañá está previsto que estea activa unha aplicación informática para que tanto centros, como alumnado como empresas poidan facer un seguimento sobre a situación na que se atopa o alumnado con respecto á súa alta, baixa ou calquera modificación que se produza. Así mesmo lembran que se enviou aos centros un Manual de Actuación en caso de accidente laboral durante o período formativo na empresa para o alumnado. 

A CIG-Ensino considera que este é un exemplo máis da falta de información por parte da Consellaría de Educación tanto de cara ao profesorado como de cara á representación sindical do mesmo coa que segue sen haber ningún tipo de interlocución no que respecta á Dirección Xeral de FP con todos os cambios que están previstos para o vindeiro curso ao respecto da implantación da dualización intensiva e dos novos módulos e currículos dos títulos de grao D.

Volver