A CIG-Ensino participou nas mobilizacións convocadas hoxe en Galiza polo estudantado galego

As manifestacións, 23 en todo o país, amosaron o rexeitamento aos recortes e ao anteproxecto de Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE)

Para a CIG-Ensino o paro maioritario que se deu hoxe no ensino medio e universitario, convocado polas organizacións estudantís, vén amosar o perigo da política destrutiva que o Goberno Feijoo estivo levando a cabo no ensino público, así como a españolización total que suporía a nova lei de reforma educativa que o PP pretende aprobar.

“O Goberno da Xunta, con Feijoo á cabeza, foi xa un adiantado en relación á política educativa que o PP pretende consolidar a través da Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) –explica Anxo Louzao, Secretario Nacional da CIG-Ensino- Feijoo tivo como obxectivo prioritario non só reducir o galego como lingua vehicular no ensino, unha decisión que provocou que hoxe a súa presenza sexa insignificante nalgunhas etapas educativas, senón que tamén lexislou para que cada día o acceso a unha educación de calidade se restrinxa á maioría social dos galegos”.    

Para a CIG-Ensino evidenciouse unha vez máis que no só se rexeitan todos os recortes do Goberno Feijoo senón que estes tres anos supuxeron unha involución e unha destrución das melloras acadadas nos últimos tempos, como por exemplo, a gratuidade dos libros de texto, o maior número de profesores nas aulas, etc.

Os recortes supuxeron un auténtico ERE encuberto, que provocou que hoxe haxa máis de 2.000 profesores menos nos centros de ensino. “A atención a diversidade, por exemplo –lembra Louzao- é insuficiente e a falta de profesorado supón non levar a cabo desdobres e apoio educativo, o que comporta que o alumnado máis desatendido sexa expulsado do ensino”.

Hoxe rexeitouse con toda rotundidade un anteproxecto de lei selectivo, clasista e segregador, que pretende impedir o acceso á educación das clases máis populares, desviar recursos para a privada, xerarquizar máis o profesorado, impedir a xestión democrática dos centros. “Unha lei que menospreza o profesorado, introduce reválidas e unifica para españolizar”, denuncia Louzao que esixe a súa retirada por parte do Goberno central.

Volver