A CIG-Ensino non asinará un acordo de despido libre subvencionado no ensino concertado

Mesa Comisión Tripartita da concertada para a “negociación” do AME.

Na reunión da Comisión Tripartita da concertada patronal, Xunta e algúns sindicatos pactan converter o AME nun acordo de indemnización.

O venres 9 de xuño de 2023 tivo lugar a Mesa da Comisión Tripartita da concertada para a “negociación” do AME (Acordo de Mantemento do Emprego ), tal e como forzamos coas últimas mobilizacións levadas a cabo pola CIG-Ensino e outros sindicatos. Nesta mesa a Consellaría volveu presentar o mesmo documento de “Recolocación do profesorado afectado pola perda de unidades concertadas”, rexeitado por sindicatos e patronais en decembro ao non tratarse dun verdadeiro AME, cunha nova que só beneficia ás patronais, ao darlles a estas a compensación económica de até un máximo de 5.000€ polo aboamento das indemnizacións por despido obxectivo (20 días por ano traballado). Fóra diso só recolleron cuestións técnicas das bolsas de recolocación, deixando ao profesorado desprotexido, sen garantías de manter o emprego nin dereitos laborais e salariais e sen aceptar ningunha das alternativas da CIG.

A patronal, aliñada claramente coa Xunta, amosouse partidaria de aceptalo mais demandando o incremento dos cartos que lle pague a Xunta para o despido libre subvencionado (de 5000€ a 7000€), aumentar a bonificación de horas concertadas en caso de contratar a unha persoa da bolsa e insistindo en que constase por escrito que como empresas non terán “obriga de ter que ir á bolsa de recolocación”.

Os sindicatos corporativos do ensino concertado, tanto o maioritario como o resto, sumáronse ao carro da patronal, máis preocupados por garantirlle á administración os despidos que en tratar de evitalos. Algún sindicato, como foi o caso de CCOO, chegou a propoñer alternativas como que a Xunta pagase integramente o despido sempre que se dese como opción poder entrar na lista de interinidades do ensino público, algo que como é sabido, non é competencia dunha comisión tripartita do ensino concertado.

Por parte da CIG-Ensino rexeitamos rotundamente este mal chamado “Acordo de recolocación do profesorado  concertado” ao non garantir o mantemento do emprego e si as “indemnizacións” por despido ás patronais. Denunciamos que este acordo, no canto de manter postos de traballo, promove o despedimento e subvenciónao con diñeiro público, podendo incluso actuar as empresas con mala fe á hora de despedir e máis cando queren evitar, tan insistentemente, calquera obriga de contratación, o que xa indica que intencións teñen: nada de recorrer á bolsa de contratación e si á bolsa dos orzamentos da Xunta.

Ademais, desde a CIG-Ensino esiximos un cambio de rumbo neste acordo, introducindo medidas que xa propuxemos con anterioridade e que solucionarían o problema do mantemento do emprego, así como recoñecer dereitos do profesorado: obriga das patronais de tirar da bolsa de contratación e non deixalo á súa boa vontade, aumento da rateo profesor/alumnado como xa se recollía no anterior AME, redución da xornada lectiva (recuperando dereitos arrebatados), redución das rateos por unidades, recuperación da xubilación parcial, mantemento da antigüidade do persoal recolocado (pois perderíaa toda), regular as listas de recolocación no que se refire ao seu ordenamento ou regular os posíbeis destinos de recolocación entre provincias ou por distancia.

Por último, solicitámoslle unha valoración dos postos que se perderían e a canto ascenderían as indemnizacións coas cantidades das que están a falar e que se pagarán cos orzamentos da Xunta cando hai solucións máis acaídas e xustas para o mantemento do emprego do profesorado.

Os representantes da administración propuxeron para cerrar un posíbel acordo aumentar a súa proposta inicial e quedar a medio camiño da proposta patronal: 

  • As horas adicionais a concertar aos centros que recoloquen persoal da bolsa ou lista pasarían de 4 a 5h con xornada completa e de 2 a 3h con media xornada
  • A compensación polo aboamento da indemnización subiría de 5000€ a 6000€.
  • Recollerían en acta a declaración da patronal de que non teñen obriga de tirar da bolsa.

Ante esta nova situación, todas as patronais aceptaron asinar o acordo, e pola parte social só o sindicato-patronal FSIE anunciou que o asinaría, quedando pendente a decisión de USO e UGT e confirmada a negativa de CIG e CCOO.

Neste enlace accedes ao contido do novo “Acordo de recolocación da concertada”.

Volver