A CIG-Ensino non asina as Táboas salariais da ensinanza concertada para 2019

Tampouco ratificou o “Acordo sobre regulación de saídas escolares de máis dun día”.

Ambos acordos foron subscritos o 19 de decembro por todas as patronais do sector e os sindicatos estatais da ensinanza concertada, consolidando a perda de poder adquisitivo e precarizando máis a xornada laboral dos/as traballadores/as do sector.

Táboas salariais 2019 concertada.

Logo de retomarse as “negociacións”o 16/12/2019, aprazadas dende xuño polas patronais como medida de presión, sobre a actualización das táboas salariais de ensino concertado para 2019, todas as patronais do sector e as OO.SS estatais asináronas o 19/12/2019. A CIG-Ensino non as asinou porque se segue a consolidar a perda de poder adquisitivo dos traballadores/as do sector e non se recuperan os recortes salariais padecidos co pretexto da crise.

Ao igual que non o fixera nas anteriores táboas de 2016, 2017 e 2018, a CIG-Ensino non asinou as do 2019 por non ter en conta as nosas propostas, reivindicacións e carecer, unha vez máis, de negociacións reais. O entreguismo á patronal das demais OO.SS foi total e para iso só tiveron que suspender as negociacións das mesmas, mantidas no verán e ameazar con propostas á baixa... A dita revisión salarial rematou, tal e como quería a patronal, coa suba da mesma porcentaxe aplicada aos módulos dos concertos aprobados nos PXE de 2019, para os niveis concertados e de pago delegado (sen garantías para PAS e PCT ) e aínda nin esa porcentaxe de suba para o resto dos traballadores/as afectados/as.

Ligazón ao BOE e aos Cig-Informa de Negociación-propostas da CIG-Ensino e ás Táboas salariais de 2019.

Saídas escolares de máis dun día con pernocta.

A negociación das saídas escolares de máis dun día xa a propuxera a CIG-Ensino cando se negociou "O control horario e rexistro da xornada" no verán, pero todos os demais non as quixeron regular nese momento, pois era tema a tratar nunha futura negociación do convenio. Agora regúlanse, cun texto case pechado que se presentou na mesa do 16 de decembro (tratado fóra da mesa de negociación pois a CIG-Ensino descoñecíao), para disfrazar a falta de negociación das táboas salariais e vender algo máis (mellor dito "malvender"), pois as condicións son precarias tanto n(o cómputo de xornada como nas retribucións a recibir, cando o traballo a realizar e a responsabilidade son máximas ao ter que atender alumnos/as durante 24h. e pernoctar fóra do domicilio.

O acordo contempla unha bolsa de 72 horas para o cómputo destas saídas, que non terán a consideración de extraordinarias e que estarán fóra das 1.180 horas do artigo 26 do VI Convenio, é dicir, supoñen un incremento da xornada anual. Ademais contabilizarase unha xornada de 8 horas diarias por cada un dos días en que se leve a cabo a actividade fóra do centro (ate o máximo das 72h.). Esas horas serán remuneradas cun importe que vai desde 50 a 90€ por día dependendo do lugar de realización e das datas da mesma.

Dende a CIG-Ensino entendemos que este é un mal antecedente para a negociación futura do Convenio a partir de xaneiro. Esperemos enganarnos e que defendan os dereitos dos traballadores/as os sindicatos estatais, cambiando as dinámicas de pactismo e entreguismo coas patronais.

Volver