A CIG-Ensino mantén a convocatoria de folga para o próximo día 3 de maio e denuncia as manobras antidemocráticas e sectarias da consellaría para desmobilizar ao profesorado

Rolda de prensa

Anxo Louzao, Secretario Nacional de CIG-Ensino, reiterou hoxe, en rolda de prensa, a súa decisión de manter a convocatoria de folga para o próximo día 3 de maio, en demanda do mantemento da xornada continuada e reducida nos meses de xuño e setembro. A CIG-Ensino acusou á consellaría de actuar de forma “antidemocrática, parcial e partidaria” por intentar desmobilizar ao profesorado coa operación propagandística deste fin de semana que ocultan unha proposta que non dá resposta a ningunha das reivindicacións do profesorado.

Denuncia as manobras antidemocráticas e sectarias da consellaría

para desmobilizar ao profesorado

 

A CIG-Ensino mantén a convocatoria de folga para o próximo día 3 de maio

  

 

A CIG-Ensino reiterou hoxe, en rolda de prensa, a súa decisión de manter a convocatoria de folga para o próximo día 3 de maio, en demanda do mantemento da xornada continuada e reducida nos meses de xuño e setembro. A CIG-Ensino acusou á consellaría de actuar de forma “antidemocrática, parcial e partidaria” por intentar desmobilizar ao profesorado cunha proposta que non dá resposta a ningunha das reivindicacións do profesorado .

 

O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, asegurou que dado o contido do preacordo asinado, “sería unha fraude aceptalo” xa que non contempla as principais demandas do profesorado.

 

A proposta da consellaría supón a desaparición definitiva da xornada reducida nos meses de xuño e setembro, co beneplácito dos sindicatos asinantes, e non garante a xornada continuada nestes meses, deixando unicamente aos centros o dereito de solicitala. A concesión desta xornada tería que pasar primeiro polo Consello Escolar e posteriormente a consellaría decidiría en función da dispoñibilidade de transporte escolar se se concede ou non, algo que xa manifestaron que non poden garantir.

 

Para a CIG-Ensino o preacordo só ten como obxectivo desconvocar a folga, tal e como recoñecen no propio título do texto. Mais precisamente, as organizacións asinantes non eran as que tiñan a iniciativa desta folga, senón que se sumaran a ela xa de xeito forzado.

 

Deste xeito, CIG-Ensino ten convocadas para hoxe asembleas en todo o país para informar dos contidos do preacordo e para escoitar a opinión do sector. As asembleas continuarán por todos os centros o próximo mércores para insistir na importancia de ir á folga o vindeiro día 3 de maio e á manifestación que terá lugar ás 11:30 horas, con saída da praza do Toural, en Santiago, até as dependencias da consellaría de Educación.

 

A manobra do preacordo

Para a CIG-Ensino é de especial gravidade que a consellaría eludira ao organismo legal de representación do profesorado, que é a Mesa Sectorial; que se reunira por separado coas organizacións sindicais; e que se asinara un acordo con parte delas sen terllo trasladado á CIG, organización maioritaria no sector, co 40% da representatividade. Isto, feito en fin de semana, con nocturnidade e aleivosía, mentres os centros de ensino estaban pechados e impedindo o funcionamento normal dos organismos.

 

Á CIG-Ensino parécelle indecente o comportamento das organizacións sindicais, que non tendo feito nada neste asunto, e mesmo criticando que nos moveramos por este tema, agora sexan quen asinen, en nome do profesorado, pasando por riba das miles de sinaturas entregadas pola CIG-Ensino e os pronunciamentos dos claustros e o sentir de todo o sector, en defensa do mantemento da xornada reducida e continuada.

Segundo os datos que manexa a CIG-Ensino, a folga será un éxito, xa que neste intre o profesorado está especialmente indignado polo proceder da consellaría e das outras organizacións sindicais asinantes.

 

 

Santiago, 30 abril de 2007

Secretaría de prensa

Volver