A CIG-Ensino gaña un novo conflito colectivo contra a UVIGO: o TSXG declara a obriga de subir os salarios do persoal de investigación

O alto tribunal galego dálle a razón á CIG na súa campaña xudicial para conseguir que o persoal investigador predoutoral, posdoutoral e de proxectos de investigación teñan a mesma suba salarial que o resto do PDI

A sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de estimar un novo conflito colectivo presentado pola CIG-Ensino no que o sindicato maioritario nas universidades galegas buscaba o recoñecemento legal da aplicación das correspondentes subas salariais que todos os empregados e empregadas públicas, como é o caso do PDI, tiveron no ano 2022 e 2023.

A sentenza non deixa lugar a dúbidas e afirma expresamente:

  • Que a decisión da UNIVERSIDAD DE VIGO de non aboar os incrementos retributivos, dispostos na normativa estatal dos anos 2022 e 2023 ao persoal docente e investigador en formación con contratos predoutorais, ao persoal con contratos posdoutorais e ao conxunto do persoal contratado con cargo a proxectos de investigación é contraria a dereito, discriminatoria e, por tanto, nula.
  • Que todo este persoal ten dereito a ver acrecentadas as súas retribucións do ano 2022 no 1,5 e as do ano 2023 no 2,5%.

A polémica pola discriminación de quen xa está en precario 

A CIG-Ensino promoveu iniciativas nas tres universidades públicas galegas para que todas elas deran marcha atrás na súa decisión de non aplicar as subas retributivas ao persoal de investigación, logo de ter coñecemento de que nas tres, aínda que dun xeito aparentemente diferente, se estaba excluíndo das subas salariais xerais a aquel persoal como o de investigación con contrato predoutoral ou posdoutoral. A escusa das Universidades centrábase en que as retribucións deste persoal estaban vinculadas con ingresos externos procedentes de diferentes proxectos financiados a través de programas estatais, autonómicos o europeos, ou doutras fontes de financiamento e que, por tanto, esas retribucións non forman parte da partida destinada a gastos de persoal nos orzamentos da Universidade.

O TSXG acolle totalmente a defensa exercida pola CIG e considera que a relación laboral existente entre o persoal investigador coa Universidade é a que obriga a esta a aplicar a suba salarial, con independencia da procedencia do financiamento.

A UVigo pode recorrer esta sentenza en casación perante o Tribunal Supremo, o que para a CIG só se podería entender como un intento de retrasar o máximo posíbel este pago pois o Supremo xa ten ditado sentenza nun caso idéntico relativo a outra universidade. Por iso, desde o sindicato apelamos á UVigo a non presentar recurso e aplicar a sentenza a todo o persoal de investigación afectado.

Este mesmo conflito colectivo foi promovido simultaneamente pola CIG-Ensino contra a USC e a UDC.No caso da universidade compostelá o xuízo será en breve. No caso da coruñesa a CIG suspendeu o recurso temporalmente, reservándose a posibilidade de reactivalo, logo de recibir no expediente xudicial unha serie de certificacións remitidas pola asesoría xurídica da UDC de dúas vicerreitorías e dos departamentos de persoal correspondentes, nas que se afirmaba que xa terían efectuado esas subas en nóminas de 2023, malia non aportar outra documentación xustificativa. A CIG-Ensino está a estudar se realmente se produciron os incrementos con arranxo ao que fixa a lei (1,5% ao respecto do incremento do 2% de xaneiro de 2022 e 2,5% no 2023) ou non e actuará en consecuencia.

Importante de cara ao futuro: as sentenzas obrigarán ás universidades a aplicar as subas salariais de todos os anos en diante.

Máis alá dos efectos previos e de recuperación do que non se subiu no 2022 e 2023 esta sentenza, e as que poidan vir da USC e UDC, asentarán un principio fundamental polo que leva loitando a CIG-Ensino desde hai anos: afrontar medidas que incidan en mellorar as condicións laborais e retributivas do persoal precario das universidades. Así o fixemos, entre outras iniciativas, co logro do recoñecemento de trienios para todo o persoal investigador ou co dereito a avaliación dos sexenios de investigación.

Información actualizada sobre os conflitos colectivos do persoal de investigación Margaritas Salas e María Zambrano

A UVigo recorreu perante o Supremo, a sentenza da UDC é firme e gañamos novamente no TSXG fronte á USC

Sentenza contra a USC

Tres de tres. A campaña de xudicializar mediante conflitos colectivos o desconto da cota patronal do persoal vinculado con estes programas deu os seus froitos nas tres universidades coas respectivas sentenzas do TSXG, a última delas relativa á USC e que reproduce exactamente a mesma condena que no caso da UDC e a UVigo. Lembremos:

  • Declara nula a práctica da UDC de detraer do importe das axudas Margarita Salas e María Zambrano a cota empresarial á Seguridade Social, para determinar dese xeito o salario a aboar ao persoal contratado.
  • Declara que as traballadoras e traballadores, con contratos laborais afectados polo conflito colectivo, teñen dereito a percibir cando menos como salario as contías que figuran no RD 289/2021 tanto nas axudas Margaritas Salas (3.500€ brutos mensuais para quen realicen estancia no estranxeiro e de 2.800€ brutos mensuais para quen o faga dentro do estado) como nas axudas María Zambrano (4.000€ brutos mensuais).

A Universidade de Santiago ten agora un prazo de 5 días para recorrer perante o Supremo.

A Universidade de Vigo si presentou recurso de casación no prazo fixado contra a sentenza do TSXG gañada pola CIG-Ensino. Haberá que agardar para a resolución deste conflito, por tanto, á decisión do TS.

A Universidade da Coruña presentou fóra de prazo o recurso de casación polo que a sentenza é firme a todos os efectos. A UDC só ten dúas alternativas: pagar de oficio os atrasos que por lei corresponde (un ano atrás desde o comezo do conflito colectivo, é dicir, desde o momento no que a CIG presenta a solicitude na Comisión Paritaria, en marzo de 2023) ou provocar que teñan que ser as persoas afectadas as que presenten un escrito individual solicitando ese pago en virtude da sentenza gañada. A CIG-Ensino solicitará na Mesa Sindical da UDC que se faga efectivo o pago a todo o persoal dos programas M. Salas e M. Zambrano dos atrasos correspondentes e así evitar reclamacións individuais que a Universidade sabe que teñen que aceptar, o que desde o sindicato consideraríamos unha falta de respecto ao colectivo.

Desde a CIG-Ensino xa avanzamos que, no caso de que a UDC se negue a acordar o pago cos efectos retroactivos correspondentes, o sindicato remitirá un modelo de reclamación a todo o persoal de investigación afectado.

Volver