A CIG-Ensino esixe que non se apliquen as medidas anunciadas polo ministro de Educación por supor un ataque frontal ao ensino público

"Supoñen o ataque máis grave ao Ensino público desde o franquismo e botar ao paro miles de interinos/as", indicou Anxo Louzao

Ante as medidas anunciadas polo ministro de Educación aos conselleiros das Administracións educativas dos distintos territorios do Estado, e mentres realizamos unha valoración máis detallada que ofreceremos mañá en roda de prensa, a CIG-Ensino adianta que non consentirá que se apliquen en Galiza.

O Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, declarou: “esixiremos do conselleiro de Educación que se rexeite as medidas que a Administración central prevé aplicar, xa que supoñen o ataque máis grave ao Ensino público desde o franquismo e botar ao paro miles de interinos/as.”

Anxo Louzao lembrou que “o conselleiro de Educación foi pioneiro nos recortes no ensino público, mediante a ampliación do horario lectivo do profesorado, o incremento de días de baixa do profesorado sen ser cuberto mediante substitución e outras medidas que levaron a que os centros galegos estean sufrindo hoxe carencias de profesorado e de medios. Non perdamos de vista que nestes últimos anos suprimíronse máis de 2.000 docentes e que con estas medidas veríanse incrementados noutros tantos. ”

Segundo o Secretario nacional da CIG-Ensino: “Estas mediadas son un ataque aos alicerces da calidade de ensino”. Teñamos en conta que as medidas propostas atacan algúns dos elementos esenciais para acadar unha educación de calidade, así: Un número reducido de alumnos e alumnas por aula, que faga posíbel unha educación máis personalizado, un número de profesorado por centro suficiente para atender as distintas necesidades e a diversidade escolar, e unha maior diversidade na oferta formativa para o alumnado, de tal xeito que estean cubertas as súas necesidades formativas.

Como se pode falar de calidade do ensino nunha aula na que se poderán superar os 36 alumnos/as cada un con distintas motivacións e diferentes ritmos de aprendizaxe, aulas en que haberá alumnos que precisen unha atención personaliza, por provir do estranxeiro, por ter necesidades educativas específicas, etc., como se pode procurar a atención de todas e todos, promover a participación de cada alumna e alumno, procurar un desenvolvemento práctico da materia máis alá da charla maxistral do profesor ou profesora?

A CIG-Ensino quere denunciar tamén que estas medidas supoñen unha invasión absoluta das competencias que a Galiza lle corresponden, un feito que nos retrotrae ao estado preautonómico

Volver