A CIG-Ensino esixe o desenvolvemento da Lei pola igualdade e non discriminación de persoas LGBTI no ensino público

Na mañá de hoxe remitiuse escrito ao Conselleiro esixindo o seu desenvolvemento

O sindicato constata que, tres anos despois de aprobada a Lei, o goberno non fixo nada para divulgar a realidade LGBTI e loitar contra a discriminación por razón de orientación sexual ou identidade de xénero. Podedes ver no interior da nova o escrito remitido ao Conselleiro.

Desde a CIG-Ensino denunciamos que a Consellaría de Educación, tres anos despois da súa publicación, non ten desenvolvido nin o máis mínimo o que a propia Lei 2/2014 pola igualdade e non discriminación de persoas LGTBI en Galiza recolle no capítulo referido ao ámbito educativo. Non promoveu a inclusión da realidade LGTBI nos plans de estudos, tampouco fixo nada no referido á formación do persoal docente, ben sexa co xa existente nin no estabelecemento de pautas para incorporar a realidade LGBTI aos plans de estudos de estudos de Grao ou Mestrados de titulacións conducentes á docencia en calquera etapa educativa. Descoñecemos se existen traballos de divulgación da realidade LGBTI entre as ANPAS mais non nos constan e o único ao que se limita a Consellaría é recoller na orde do calendario escolar unha simple declaración instando aos centros a que actividades específicas próximas a datas de celebracións internacionais relacionadas co recoñecemento efectivo de dereitos a persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais. Nada máis.

Como en tantas ocasións, o traballo de moitos e moitas profesoras vai moi por diante da desidia que amosa decotío a Administración Educativa. É así como xa hai centros que teñen aprobado e desenvolvido plans de igualdade ou realizan actividades de visibilidade e respecto da diversidade afectivo-sexual. Mais isto non pode facer que esquezamos que é obriga da Consellaría desenvolver a propia Lei, co obxectivo de loitar contra o acoso escolar por razón de orientación sexual ou identidade de xénero e de promover dunha maneira efectiva unha formación docente que garanta que o profesorado teña todas as ferramentas precisas para apoiar a igualdade de xénero e promover que os nosos centros sexan realmente coeducativos e respectuosos coa diversidade afectivo-sexual, de xénero e familiar; libres por tanto de prexuízos, sexismos ou homofobias. 

Todo isto implica que exista unha dotación orzamentaria que permita desenvolver á Lei pola igualdade e non discriminación de persoas LGTBI en Galiza,  así como para poñer en marcha un Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero, xunto con fondos precisos para un plan de formación para o persoal docente. 

Desde a CIG-Ensino apostamos por promover un ensino laico e de calidade que integre a dignificación e o recoñecemento das diferentes opcións sexuais e a diversidade familiar, educando na liberdade para enfocar a vida persoal e sexual de cada quen, a través da visibilidade desta realidade diversa nas materias educativas, impulsando e apoiando aquelas producións culturais e didácticas que inclúan a realidade LGTBI para potenciar referentes positivos da homosexualidade, bisexualidade, transexualidade e intersexualidade, poñendo especial fincapé na súa divulgación nos centros de ensino infantil, medio e superior.

Vivimos nunha sociedade heteropatriarcal que nos asigna roles por condicións de sexo, na que a liberdade na identidade de xénero non está garantida e na que os estereotipos fomentados pola televisión, publicacións e as redes sociais que as difunden non fan nada doada a labor de erradicar dos nosos centros comportamentos discriminatorios contra os colectivos LGBTI. 

Temos como docentes un papel importante para favorecer e promover entre o noso alumnado o respecto á libre orientación afectivo-sexual e a identidade de xénero. Sabemos que só desde o rexeitamento a todo tipo de acoso sexista e homofóbico, de non participación en situacións de acoso, de apoio e defensa das persoas violentadas, seremos quen de construírmos unha sociedade  máis libre e mellor. Desde a CIG-Ensino animamos a todo o profesorado a traballar neste camiño e a esixir da Consellaría que asuma a súa responsabilidade neste terreo.

 


ANEXO

 

Que di a Lei 2/2014 pola igualdade e non discriminación de persoas LGTBI en Galiza para o ámbito educativo?

CAPÍTULO V. MEDIDAS NO ÁMBITO DA EDUCACIÓN

Artigo 22. Inclusión da realidade LGTBI nos plans de estudos

A consellaría competente en materia de educación incorporará a realidade homosexual, bisexual, transexual, transxénero e intersexual nos contidos transversais de formación de todo o alumnado de Galicia naquelas materias en que sexa procedente, dará audiencia ao Consello e, de ser o caso, escoitará as asociacións, organizacións e colectivos LGTBI. Así mesmo, visibilizaranse na educación os diferentes modelos de familia establecidos nesta lei.

Ademais, revisará os contidos de información, divulgación e formación que xa existan nos distintos niveis de ensino e noutros ámbitos formativos.

Artigo 23. Actitudes

A Administración educativa galega, en colaboración co departamento competente en materia de igualdade, fomentará a realización de actividades dirixidas á comunidade escolar para a prevención de actitudes e comportamentos discriminatorios pola orientación sexual ou a identidade de xénero.

Artigo 24. Formación do persoal docente

Estableceranse actividades de formación para o persoal docente existente. Así mesmo, incorporarase a realidade LGTBI e os distintos modelos de familia aos cursos e másters de formación do futuro persoal docente e aos plans de estudos das titulacións de Educación Social, Maxisterio, Pedagoxía, Psicoloxía e Dereito.

Artigo 25. Divulgación da realidade LGTBI entre as ANPA

A consellaría competente en materia de educación, en colaboración coas ANPA, deseñará contidos para as escolas de pais e nais relativos á realidade LGTBI e aos diferentes modelos de familia.

Artigo 26. Combater o acoso e favorecer a visibilidade

1. Estableceranse actuacións para combater o acoso escolar por razón de orientación sexual ou identidade de xénero, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das distintas orientacións sexuais e identidades de xénero. Así mesmo, informarase sobre os mecanismos de denuncia dos casos de acoso.

2. Para os efectos de favorecer a visibilidade e de integrar de forma transversal a diversidade afectivo-sexual nos centros escolares, a consellaría competente en materia de educación favorecerá nos centros sostidos con fondos públicos a realización de actividades específicas próximas a datas de celebracións internacionais relacionadas co recoñecemento efectivo de dereitos a persoas lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais.

  • A CIG-Ensino esixe o desenvolvemento da Lei pola igualdade e non discriminación de persoas LGBTI no ensino público
  • A CIG-Ensino esixe o desenvolvemento da Lei pola igualdade e non discriminación de persoas LGBTI no ensino público

Volver