A CIG ENSINO esixe da Secretaría Xeral de Política Lingüística que se paguen as axudas aos Equipos de Normalización correspondentes ao primeiro semestre do ano 2011
O escrito entregado hoxe no rexistro da Xunta é o que reproducimos a continuación
Sr. Secretario Xeral de Política Lingüística:
Por medio do presente escrito, a CIG-Ensino presenta formalmente unha queixa ante a Secretaría Xeral de Política Lingüística polo atraso inxustificado no aboamento do 75% das axudas aos Equipos de Dinamización Lingüística, aprobada por ese departamento para a realización de actividades de normalización no semestre de xaneiro a xuño de 2011 e esixe que se realice con carácter urxente o pago desta débeda cos centros.
A CIG-Ensino xa denunciou publicamente este atraso o pasado mes de xaneiro, e presentou na Mesa Sectorial, ante o seu presidente, unha pregunta sobre esta cuestión, sen que até o día de hoxe recibiramos ningún tipo de resposta ou explicación.
É inadmisíbel que os centros públicos tivesen que adiantar os gastos destas actividades para poder xustificalas en tempo e forma, con antelación ao 30 de xuño de 2011, como marca a convocatoria e que a Consellaría lles corresponda hipotecando a súa situación económica e poñendo en perigo a realización de actividades de normalización ao non ter aboado, oito meses despois, as cantidades aprobadas. Estamos falando de cantidades importantes para os centros que tiveron que adiantalas. Se o importe medio das axudas concedidas foi de 853€, significa que moitos centros non cobraron aínda 640€, e, en Secundaria, son moitos os centros aos que lles foi concedida unha axuda de 2000€ para a realización de actividades e aínda non cobraron os 1.500€ xa gastados.
A esta situación súmase que até xaneiro de 2012 os centros non tiveron coñecemento de que non se poderían solicitar axudas para actividades realizadas no primeiro trimestre do curso, ou que a dotación para este ano 2012, se reducía un 69%, feitos que suman aínda máis dificultades ao traballo que deben realizar os Equipos.
Os atrasos e os recortes nas axudas acaban por afogar os centros e impídenlles realizar actividades de normalización. A CIG-Ensino rexeita esta falta de planificación da Consellaría e esta agresión ao noso idioma e esixe que esta situación se corrixa de inmediato e que non se volva producir no futuro.
Anxo Louzao Rodríguez
Secretario Nacional da CIG-Ensino