A CIG-Ensino entrégalle ao conselleiro de Educación 10.172 sinaturas de docentes en contra da LOMCE

O Secretario Nacional, Anxo Louzao, cualifica o anteproxecto de auténtico cianuro para o ensino galego

A CIG-Ensino entregou este luns 18 de febreiro, no Rexistro da Xunta de Galiza, en Santiago, 10.172 sinaturas de docentes recollidas nos centros de ensino e dirixidas ao conselleiro de Educación, nas que o profesorado fai constar o seu rexeitamento máis absoluto ao anteproxecto da LOMCE por tratarse dunha lei mercantilista e reaccionaria, recentralizadora e españolizadora, elitista e clasista, agresiva co profesorado, antidemocrática, reforzadora da confesionalidade e contraria ao ensino laico.

A CIG-Ensino, que estivo representada polos/as integrantes do Secretariado Federal, exixiulle tamén ao conselleiro que deixe de estar desaparecido e de actuar como cómplice permanente dos mandatos do PP de Madrid, para facer méritos dentro do seu partido, e que se poña á fronte da demanda social que pide que se paralice esta lei. 

No acto, o secretariado nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, dixo que a LOMCE é auténtico cianuro para o ensino público galego e pediu a súa retirada por tratarse dunha contrarreforma involucionista e regresiva. Para os asinantes, esta lei pretende un sistema educativo cada vez menos equitativo, que pon en xogo o dereito universal á educación, desbotando a igualdade de oportunidades e negando o dereito a ter un ensino público galego científico e laico que teña como función primordial a formación integral e crítica do alumnado e a eliminación das desigualdades sociais.

A CIG-Ensino recordou que o anteproxecto de LOMCE é perverso e bebe dos principios ideolóxicos do neoliberalismo, prevé unha maior privatización do ensino, é demoledor coa igualdade de oportunidades e imporá trabas insalvábeis para boa parte do alumnado, que será expulsado do sistema educativo.

Anxo Louzao insistiu en que se trata dunha lei agresiva tamén para o profesorado, que desconfía do seu traballo, porque non ten en conta a avaliación continua e recupera as reválidas como instrumento de cualificación dos coñecementos adquiridos polo alumnado. Ademais dixo que “é unha lei que responde aos mandatos da patronal do ensino privado concertado e da propia cúpula eclesiástica. Reforza a confesionalidade do sistema educativo e o papel da relixión, que pasa incluso a condicionar os horarios doutras materias”.

Ademais esta lei supón un grave ataque ás linguas do Estado que non son o español ao prever un modelo lingüístico que fará desaparecer o galego como lingua vehicular do ensino. Dálle á nosa lingua un  tratamento inferior ao que se lle dá á relixión, invade as poucas competencias que temos neste momento e reespañoliza o sistema educativo galego , como así o dixo o propio ministro Wert.

Por todas estas razóns, a CIG-Ensino demandoulle ao conselleiro que atenda a demanda dos docentes, pero tamén de alumnado e de pais e nais, que esixen a retirada do anteproxecto da LOMCE para evitar o que sería unha involución absoluta do sistema educativo e que poría en tea de xuízo o dereito a unha educación en igualdade de oportunidades e un ensino en galego, laico e democrático. 

A CIG-Ensino entrégalle ao conselleiro de Educación 10.172 sinaturas de docentes en contra da LOMCE

Volver