A CIG-Ensino empraza ao Conselleiro de Educación a que rompa o seu silencio e asegure que non aplicará as propostas aprobadas polo Goberno central

A CIG-Ensino tamén se dirixiu á comunidade educativa para confluír nunha resposta unitaria e impedir que se leven a cabo os recortes

Unha vez aprobadas no Consello de Ministros que se celebrou hoxe as medidas de recorte para o ensino público deseñadas polo Goberno central, a CIG-Ensino empraza ao conselleiro de Educación, Jesús Vázquez a que actúe con transparencia e se comprometa publicamente a non pór en marcha actuacións que supoñan un deterioro do servizo público e unha maior perda de postos de traballo. A CIG-Ensino dirixiuse tamén á comunidade educativa co obxectivo de confluír nunha resposta unitaria e impedir que se leven a cabo os recortes.

Para a CIG-Ensino non estamos ante unha racionalización do sistema, tal e como se nos presentan estas reformas senón que, en palabras do seu Secretario Nacional, Anxo Louzao estamos ante unha destrución absoluta e total coa que se pretenden liquidar as conquistas sociais acadadas no ámbito educativo. Confírmase ademais que as actuacións dirixidas ao ámbito non universitario trasládanse agora de maneira virulenta ao sistema universitario.

 

Tanto a proposta de incremento da matrícula ao alumnado universitario, como a posibilidade de limitar a oferta de Bacharelato a unha única modalidade e a ampliación da rateo alumna/o por aula supoñen un ataque á calidade pero tamén van dirixidos a excluír o acceso á educación da clases máis desfavorecidas da sociedade, que son as que non van ter recursos para completar a súa educación ou escoller a seu futuro profesional, explica Louzao.

 

“Son propostas -engade- que fan que os máis prexudicados pola crise sexan a clase traballadora e as clases populares. Todas as medidas que se pretenden aplicar destrúen emprego en lugar de crealo e polo tanto seguirán acentuando as nefastas consecuencias da crise. No ensino público, traduciranse nun maior fracaso escolar, menor calidade e menos profesorado nos centros.”.

Volver