A CIG ENSINO denuncia recortes en formación do profesorado

O director xeral mostra, outra vez, o seu odio ao galego e a súa atitude ditatorial

Mira Lema fai gala dunha actitude prepotente. Atrévese a negar o uso da palabra, como así aconteceu na mesa sectorial de 19 de xaneiro, na que impediu que a CIG-Ensino presentase como cuestión previa a forma en que se están a convocar as mesas sectoriais. A Mira Lema moléstalle especialmente a presenza da CIG-Ensino, mostrando a súa animadversión constante que se demostra mesmo na súa reticencia a nomeala.

Onte tivo lugar unha Mesa Sectorial na que se trataron dúas ordes relacionadas coa formación do profesorado: a Orde pola para a mellora da competencia lingüística e comunicativa do profesorado, Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras (PIALE) e a Orde pola que se regula o procedemento para o reintegro individual de gastos por asistencia a actividades de formación.

A CIG Ensino criticou especialmente que a Consellaría empregue ambas as dúas ordes para reconducir a formación do profesorado segundo os principios ideolóxicos do PP. Tanto a orde de PIALE como a orde para reintegrar os gastos en formación están destinadas a fomentar a realización de cursos en inglés, formación coa que se pretende converter o maior número posíbel de centros educativos en centros plurilingües, é dicir, centros nos que se reduza a presenza do noso idioma a un terzo do horario. Por este motivo a CIG-Ensino volveu esixir que se elimine, no caso dos PIALE, o requisito de que todo o profesorado participante está obrigado a promover que os seus centros formen parte da rede de centros plurilingües ou teñan sección bilingüe. O mesmo no caso da orde de reintegros, pensada para compensar a formación en TICs e plurilingüismo, ou sexa programa Abalar e máis centros plurilingües, cuestión que a CIG-Ensino esixiu que se modificara incluíndo todas as actividades formativas, así as relacionadas coa normalización, materias transversais, etc.

A CIG Ensino criticou tamén a redución orzamentaria nas dúas ordes, redución que, consecuentemente, significa tamén unha redución na formación do profesorado. Así no caso dos PIALE, a oferta sofre unha redución de case o 37%. A CIG-Ensino reclamou que se manteña a oferta formativa do ano pasado (325 cursos fronte aos 205 deste ano) e reclamou especialmente que se incremente a oferta de cursos de portugués, recuperando a de 2010 en que se ofertaran 25 prazas, quince máis ca este ano. 

No caso da Orde que regula o reintegro por gastos en formación, a CIG-Ensino reclamou que se recupere a partida orzamentaria do ano 2010 (30.000€ máis que no ano 2011 e no ano 2012). Desde entón este apartado sufriu un recorte do 33%, curiosamente mentres sobe o IPC, o gasóleo  ou os gastos de manutención durante dous anos consecutivos. Tamén se reclamou que se modifiquen os límites de gasto establecidos segundo a formación se realice en Galiza, no Estado ou no estranxeiro, límites de gasto que, ao contrario dos prezos, veñen reducíndose progresivamente desde 2009.

Unha vez máis a fobia contra o noso idioma.

Na Mesa Sectorial de onte tamén se trataban os currículos de once ciclos de FP. A CIG-Ensino reclamou, unha vez máis, que se recolla que módulos deben ser impartidos en galego, para garantir que se cumpra a impartición do 50% das materias no noso idioma, así como a adquisición do vocabulario correspondente en cada módulo. Mais, o Director Xeral de FP, Mira Lema, non só se negou unha vez máis a que se recolla nada relacionado co noso idioma, senón que mesmo chegou dicir con claridade que un alumno de FP non ten que estudar no noso idioma, ao contrario, ten que aprender a facer o traballo onde sexa necesario, en España ou fóra de España.

  A CIG-Ensino ten que denunciar a actitude ditatorial do Director Xeral de Educación e FP. Reiteradamente cuestiona o papel das organizacións sindicais e o noso dereito a presentar cantas cuestións entendamos oportunas. Moléstalle que deamos a nosa opinión e pretende que renunciemos á nosa posición e ás nosas demandas. Unha das respostas favoritas de Mira Lema é que o PP gañou as eleccións, mais esquece, intencionadamente, que as organizacións sindicais que estamos en fronte del na Mesa Sectorial, estámolo como resultado dun proceso electoral regulado por lei, aínda que a el non lle guste, e que nese proceso foi a CIG-Ensino a que obtivo a representación moi maioritaria.

Información da Mesa Sectorial do xoves 19 de xaneiro na que se tratou o Programa PIALE, os reintegros de gastos por asistencia a actividades formativas e variosd proxectos de currículo de ciclos FP. 

- Orde do __ de ________ de 2012, pola que se convocan prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ao Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras (PIALE), para o ano 2012. Información da mesa Borrador. Información da mesa.

- Orde do__ de_________de 2012 pola que se regula o procedemento para o reintegro individual de gastos por asistencia a actividades de formación do profesorado non universitario para o ano 2012. Información da mesa Borrador. Información da mesa.

- Proxectos dos decretos de currículo de ciclos formativos de formación profesional (Cultivos acuícolas, Electromecánica de maquinaria, Estética e beleza, Instalación e amoblamento, Centrais eléctricas, Educación e control ambiental, Enerxías renovables, Estética integral e benestar, Paisaxismo medio rural, Proxectos obra civil, Xestión forestal do medio natural). Borradores. Información da mesa. 

- Varios. Información da mesa.

Volver