A CIG-Ensino denuncia que Educación incumpre a lei ao utilizar o profesorado de Relixión para impartir outras materias

A CIG-Ensino esixe que se corrixa inmediatamente esta ilegalidade

O profesorado de Relixión, como é sabido, é nomeado polo Bispado atendendo exclusivamente as súas consideracións ideolóxicas e relixiosas, á marxe do sistema que ten que rexer en toda a administración e que se basea nos principios de capacidade, mérito e igualdade. Ademais este profesorado é retribuído con diñeiro público. Estamos polo tanto ante un nomeamento do profesorado que é designado exclusivamente para unha única función, por institucións alleas á propia administración e con criterios dedocráticos.

Para a CIG-Ensino é gravísimo que a Consellaría permita e promova que o profesorado de Relixión imparta materias diferentes a súa cunha actitude prevaricadora, xa que  vulnera un principio legal do cal é coñecedora. Neste momento, hai diferentes centros nos que o profesorado de Relixión, nomeado unicamente para esta materia, está impartindo materias que nalgúns casos acadan o 50% do seu horario, como por exemplo no CEIP Doiras, no concello de Cervantes. O máis insólito é que a inspectora do centro,  Celsa González García, é cómplice desta ilegalidade, chegando a afirmar que este non é o único centro no cal o profesorado de relixión imparte outras materias do currículo.

Con esta actuación a Consellaría de Educación incrementa os despedimentos de profesorado interino das diferentes especialidades e usa un criterio anormal á marxe da listaxe pola cal se cobren as prazas.

A Consellaría de Educación amosa, unha vez máis, a deriva confesional e ideolóxica que o PP pretende trasladar máis alá da propia lexislación vixente, que xa é de por si fornecedora do adoutrinamento relixioso no ensino e contraria á laicidade como principio que debe rexer a educación nunha sociedade democrática, e na que esta materia non debería ter cabida. 

A CIG-Ensino esixe que se corrixa inmediatamente esta ilegalidade en todos os centros nos que se produce esta situación e que garanta que o profesorado de Relixión imparta exclusivamente a súa materia e que para o resto nomee o profesorado interino pertinente. Neste sentido a CIG-Ensino vai demandar da Consellaría de Educación todos os horarios da provincia de Lugo, unha vez que a propia inspectora di que o CEIP de Doiras non é no único no que o profesorado de Relixión imparte outras materias, para comprobar que se desfixo esta irregularidade.  

Volver