A CIG-Ensino denuncia que Educación destina 200.000 € ás subvencións a centros privados concertados mentres recorta no ensino público

É un financiamento extra para necesidades que non se cubren nos centros públicos

A Consellaría de Educación vén un ano máis a librar unha partida de 200.000 euros para os centros privados concertados. Trátase dun financiamento extra por encima dos máis de 240 millóns de euros que recibe o ensino privado concertado para o ano 2013. Isto acontece mentres se reduce nun 6,6,% o orzamento da Consellaría de Educación, non se atenden as necesidades específicas e non se dota de profesorado especialista suficiente de Audición e Linguaxe e Pedagoxía Terapeutica e Orientadores aos centros educativos.

Estas contías, que deben ir destinadas a atender o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, “naqueles aspectos que non estiveran xa cubertos polo correspondente concerto educativo”, son realmente unha subvención extra, por enriba do propio concerto que teñen establecidos estes centros, ningún deles de Educación Especial. Estas subvencións permítelles a estes centros prestar servizos e contratar persoal que os centros públicos, nin sequera os de Educación Especial, poden prestar ou contratar. Estamos pois ante un caso flagrante de discriminación en favor do ensino concertado.

Os centros privados que resulten beneficiados con esta subvención van poder contratar persoal complementario co que nunca poden contar os centros públicos: logopeda e fisioterapeuta, axudante técnico educativo. Ademais, tamén, a diferenza dos centros públicos, poderán facer fronte con esta subvención a reparacións e mantemento da adaptación das instalacións ou á adquisición de material específico.

Para a CIG-Ensino,  o feito de que a Consellaría de Educación convoque este tipo de subvencións, que veñen incrementar os fondos destinados ao ensino privado, é unha provocación e un escándalo ante os continuos recortes que está a sufrir o ensino público e as carencias que sofre da atención as necesidades educativas especiais.

Volver