A CIG-Ensino denuncia que co actual concurso xeral de traslados pode haber profesorado nos centros que non coñeza o noso idioma

Están obrigados a participar máis de 2500 profesores e profesoras

O prazo de participación no Concurso de traslados, este ano de ámbito estatal, será do 6 ao 22 de novembro, ambos os dous inclusive. A CIG-Ensino denuncia que con este Concurso de traslados a Consellaría vai permitir que acceda aos centros profesorado que non coñeza o noso idioma, pois o requisito do seu coñecemento non se esixe para todas as prazas. Esixir o requisito de coñecemento do noso idioma para todas as prazas é a única maneira de facer posíbel o cumprimento da Lei de Normalización Lingüística e mesmo do propio Decreto 79/2010.

Podes facer o seguimento aos concursos nas seguintes ligazóns.

Na Mesa Sectorial de hoxe, 25 de outubro, tratouse a convocatoria do Concurso Xeral de Traslados para o profesorado. Neste concurso pode participar voluntariamente o conxunto do profesorado, mais están obrigados a participar máis de 2500 profesores e profesoras nas seguintes situacións:

Profesorado en expectativa

Suprimidos, reingresados e desprazados

Total

Primaria

848

246

1094

Secundaria

1296

152

1448

Total

2144

398

2542

O prazo de participación no Concurso de traslados, este ano de ámbito estatal, será do 6 ao 22 de novembro, ambos os dous inclusive.

A CIG-Ensino denuncia que con este Concurso de traslados a Consellaría vai permitir que acceda aos centros profesorado que non coñeza o noso idioma, pois o requisito do seu coñecemento non se esixe para todas as prazas. Esixir o requisito de coñecemento do noso idioma para todas as prazas é a única maneira de facer posíbel o cumprimento da Lei de Normalización Lingüística e mesmo do propio Decreto 79/2010. Coa proposta de Consellaría, só se lle vai esixir o coñecemento do noso idioma ás especialidades de infantil, primaria, ciencias sociais, xeografía e historia e ciencias da natureza en Primaria, Xeografía e Historia, Bioloxía e Xeoloxía en Secundaria e en todas as especialidades de FP, o cal pode inviabilizar a impartición en galego de materias como Plástica, Música, Educación Física, Audición e Linguaxe, Pedagoxía Terapéutica, Orientación, Cultura Clásica, Educación para a Cidadanía, Filosofía, todas as linguas, etc.  Materias que son susceptíbeis de ser impartidas en galego porque o propio Decreto 79, tan pouco favorábel ao noso idioma, recolle que o centro poderá fixar outra materia para a súa impartición no noso idioma. Por outro lado toda persoa funcionaria debe de acreditar o coñecemento do noso idioma toda vez que pode exercer un cargo directivo, e como tal terá que dar cumprimento á Lei de Normalización Lingüistica que recolle que a lingua oficial da Administración, e por tanto dos centros educativos, é o galego.

En relación con isto, a CIG-Ensino reclamou que se valore a impartición en galego como mérito no Concurso de Traslados.

A CIG-Ensino reclamou que a Consellaría de Educación convoque tamén os concursos específicos de Orientación e Educación Permanente de Adultos, proposta á que se negou a Administración. 

Noutra orde de cousas, a CIG-Ensino esixiu o cumprimento da sentenza, gañada pola CIG-Ensino, que ditamina que o persoal docente ten dereito, como traballadoras e traballadores que somos a unha revisión médica anual. En relación con isto, a CIG-Ensino reclamou da Consellaría que catalogue as nosas enfermidades profesionais, unha reclamación histórica da CIG que neste momento se fai urxente ao estarmos penalizados con descontos económicos en caso de ter que estar de baixa médica.

A CIG-ensino reclamou que se solucione o problema das Ensinanzas Artísticas Superiores recollendo a súa integración na Universidade. 

Tamén denunciamos que a Consellaría impide o uso do comedor escolar ao profesorado, que pagaría o seu xantar, malia haber espazo e non implicar incremento de persoal de comedor, contradicindo o propio Decreto que regula este. A CIG-Ensino esixiu unha solución a este problema.

Reclamamos que se lle aboase ao profesorado que participou no programa PROA até o mes de xuño os salarios atrasados, ao que responderon que estaba dada a instrución para que se lles pagase.

A CIG-Ensino tamén preguntou á Consellaría que vai pasar coa oferta de emprego público para o ano que vén, adiantando a nosa oposición a calquera taxa de reposición e esixindo que haxa unha oferta suficiente. Neste sentido a CIG-Ensino lembrou que o Conselleiro de Educación xustificou a eliminación da oferta neste ano 2012 en base a unha futura oferta, que anunciou ampla, para o ano 2013, fronte a isto a proposta de orzamentos do estado prevé unha taxa de reposición do 10% outra vez. A Consellaría argumentou que está en funcións para non responder á pregunta da CIG-Ensino.



Toda a información da citada Mesa sectorial.

Ligazón á convocatoria da mesa.

Ligazón ao borrador.

Ligazón á información sobre a mesa

Volver