A CIG Ensino denuncia que a Xunta de Galiza inicia a privatización das escolas de Educación Infantil “Galiña Azul”

No DOG de hoxe, 17 de xaneiro, anúnciase a licitación da xestión privada da escola infantil de Monteporreiro, en Pontevedra

A CIG Ensino denuncia que a Xunta de Galiza inicia a privatización das novas escolas de educación infantil “Galiña Azul”. En outubro de 2011 a CIG Ensino denunciou publicamente que a Xunta de Galiza tiña a pretensión de privatizar 17 escolas infantís, todas elas de nova apertura.

A CIG Ensino denunciaba que o Consorcio tiña tomada esta decisión e xa estaba a traballar na definición dos pregos de condicións para que a próxima apertura das novas galescolas fose de xestión privada, tal e como ditan as directrices das políticas neoliberais das que o PP é un dos máximo expoñentes.

Pois ben, o DOG de hoxe ofrécenos a confirmación do que a CIG Ensino denunciou no seu día. A Xunta fai pública a licitación da escola infantil de Monteporreiro, en Pontevedra, desde a data de apertura, 1 de marzo de 2012, até o 31 de agosto de 2014. 

A CIG Ensino denuncia esta privatización dos servizos básicos a cidadanía, convertendo en lucro rexido polas leis do mercado, o que debe ser un servizo á poboación.

 

Compre indicar que o Concello de Pontevedra se opuxo a que esta escola sexa de xestión privada.

 

Ademais, como xa sucedera no seu día cos concertos educativos, a Xunta fai concesións a empresas que exceden o seu período de goberno, vinculando as futuras decisións do goberno que saia das urnas antes de que finalice o mes de marzo de 2013, cuestión que consideramos de extrema gravidade e que vulnera os máis elementais principios democráticos. 

A CIG Ensino esixirá que non se continúe con estes procedementos de licitación e que non se condicione o dereito de futuros gobernos a realizar a xestión pública dun servizo que non debe deixar de selo.

Volver