A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación reduce ao mínimo a estrutura de formación do profesorado

Información da mesa sectorial do 26 de maio

A falta de criterios obxectivos para seleccionar ás asesoras e asesores fai prever que poidan estar seleccionados de antemán. Na mesa sectorial do ensino realizada hoxe, tratouse o proxecto de orde pola que se convoca concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras dos centros de formación e recursos e de persoas asesoras do Servizo de Formación do Profesorado, do Centro Autonómico de Formación e Innovación e dos centros de formación e recursos.

A Consellaría reafirmouse na súa concepción centralista, piramidal e antidemocrática da formación do profesorado eliminando toda participación do mesmo. Chegando a pór como paradigma, á hora de seleccionar o persoal, o mundo da empresa privada para aplicar nun servizo público como o ensino.

A Consellaría fixo gala do seu habitual talante antinegociador, non aceptando ningunha achega importante. Así:

  • Reafirmouse na supresión do Centro de Formación e Recursos de Profesorado (CFR) de Santiago, no cal a día de hoxe realizan a súa función 14 asesoras e asesores.
  • Suprime un 40% das prazas que están creadas nestes momentos nos 7 CFR e nas 13 extensións que hai nestes momentos en Galiza, é dicir das 95 prazas de asesoras e asesores existentes na actualidade elimina 38 (Ver cadro anexo).
  • Elimina as 13 extensión existentes: Tui, Cangas, Verín, Vilagarcía, Lalín, O Barco, Monforte, Burela, A Póboa, Ortigueira, Cee, Noia e Carballo.
  • Liquida as asesorías de educación en valores, bibliotecas escolares, lingua galega, integración e orientación
  • Crea perfís de area que son caixóns de xastre. A modo de exemplo, a área científico-técnica e social aglutina materias como matemáticas, bioloxía, xeoloxía, física, química, debuxo, tecnoloxía, latín, grego, xeografía, historia, filosofía e economía. Igual ocorre coas ensinazas artísticas e deportivas que recollen na mesma área educación física, plástica e música.
  • Crea un único ámbito de formación para todas as linguas que baixo o nome de plurilingüismo engloba sen distinción as linguas estranxeiras, como o inglés ou o francés, xunto coa nosa lingua e o castelán. Amosase unha vez máis o desprezo pola nosa lingua xa que, até o de agora tiña un ámbitos diferenciado.

A Consellaría negouse tamén a que as futuras asesoras e asesores de formación do profesorado teñan competencia no noso idioma, a non estar disposta a esixirllo como requisito.

E totalmente inadmisíbel que se propoña un baremo no que se contemple unha entrevista que vai ser o elemento fulcral para seleccionar ao profesorado asesor. Outórgaselle un valor de 6 puntos, o que supón un 25% do total do baremo. Esta puntuación conxuntamente coa falta de obxectividade na delimitación dos perfís facilita que a subxectividade sexa un elemento importante para que a consellaría conceda estas prazas.

Esta nova estrutura da formación do profesorado constata a desconsideración da Consellaría co profesorado. A formación é un alicerce fundamental para a actualización, renovación e innovación da práctica docente, que sen lugar a dúbidas reverte positivamente na calidade do ensino.

Esta modificación a máis de significar un retroceso na formación como un dereito e un deber do profesorado vén a supor unha desvalorarización máis do labor docente que se pretende enmascarar con leis que demagoxicamente falan da autoridade do profesorado.

Asesores dos Centros de Formación e Recursos

 

A Coruña

Ferrol

Santiago

Lugo

Ourense

Pontevedra

Vigo

2006

16

10

14

14

13

12

16

2011

11

5

0

10

10

10

11

Perda Asesores: 38

5

5

14

4

3

2

5

Con esta estrutura recórtase considerablemente o número de asesorías de xeito que se contará con 38 asesores e asesoras menos. Chégase a eliminar CFRs por completo como é o caso de Santiago. Suprímense asesorías ata o de agora existentes como a de educación en valores ou de bibliotecas que desde a CIG-Ensino consideramos fundamentais (ver nota de prensa).

Como propostas xerais a CIG-Ensino esixiu que se pedise como requisito para acceder a estas prazas o coñecemento e competencia en lingua galega xustificado a través do CELGA 4 ou equivalente, a Consellaría negouse a aceptar a proposta; recoñecerá  o coñecemento da lingua como mérito.

 Tamén solicitamos que se manteñan as extensións dos CFRs  que se eliminan coa estrutura proposta, cousa á que se negou a Consellaría alegando que é bo que as asesoras e asesores deben “visitar os centros”.

 Os perfís das asesorías non inclúen funcións concretas a desempeñar de maneira que a persoa que queira presentarse a determinadas prazas non ten claro como orientar o proxecto que se esixe para acceder a elas, a Consellaría, lonxe aceptar esta proposta e concretar as funcións, remite ao decreto que desenvolve a presente orde (DECRETO 74/2011), no que realmente se definen as funcións dos órganos, non das asesorías.

ARTICULADO.

Art.2. A CIG-Ensino solicitou que se poidan presentar as persoas que están con unha estadía no estranxeiro no presente curso. A Consellaría non aceptou a proposta, considera que estas persoas deben volver ao centro antes de acceder a unha asesoría.

Art. 2.2.Consideramos que non se debe establecer unha distinción de 3 anos de servizos prestados para as asesorías e 5 para as os postos de dirección dos CFRs. En calquera caso, deberían terse en conta os servizos prestados como  interinos ou funcionarios en prácticas, non só como funcionarios de carreira. Non se aceptou esta proposta.

Art. 3. Propoñemos que se elimine este punto, xa que os perfís deben ser determinados por datos obxectivos como corpo, especialidade e titulación. Da maneira en que aparece redactado dá a impresión de que se fixo pensando en persoas concretas. Insistimos en que aparezan as funcións concretas a desempeñar que poidan servir de guía á hora de elaborar os proxectos.   A Consellaría non acepta a proposta.

Art. 4. Non vemos razón para que unha persoa só poida presentarse a dúas prazas; pode interesarlle presentarse a unha mesma praza que exista en máis de dous lugares. A Admón. aduce o apretado do tempo da convocatoria; cantas máis solicitudes haxa, máis se tarda en resolvelas. Revisará a proposta.

Art. 5. Solicitamos que se esixa a redacción do proxecto en lingua galega.

Art. 6. O prazo de presentación é moi curso ao noso ver, en calquera caso a administración debería notificarlle ás persoas cando estean publicadas as puntuacións. Non van ampliar o prazo, considerarán a posibilidade de notificar ás persoas afectadas, tal como pedimos.

Art. 7. Esiximos a eliminación da entrevista porque dá pé á subxectividade. De manterse, deberíase eliminar a referenciaá persoa candidata do sexo infrarrepresentado porque posiblemente prexudicaría ao xénero feminino que se pretende discriminar positivamente. Malia a nosa incidencia, mantivéronse firmes e non suprimirán a entrevista.

Art. 8.1. A comisión de valoración non debe estar integrada só  por perfís políticos e administrativos, debe incluír  docentes especialistas dos perfís que se valoran elixidos por sorteo.

Art.9.3. Contradí o decreto que desenvolve esta orde no que se establece que se a avaliación dos xefes de departamento será cada dous anos; nesta orde establécese unha avaliación periódica anual. Consideramos que se debe unificar en dous anos. En todo caso, o fundamental da avaliación é que se establezan uns criterios concretos e razonados para levala a cabo, criterios que as propias persoas avaliadas descoñecen.

Art. 9.4. En caso de posibles vacantes deberíase botar man da listaxe das persoas que se presentan ata que se convoque de novo a praza, cousa que deberá facerse no prazo de un ano.

ANEXOS.

ANEXO II.

CAFI

A CIG-Ensino, aínda estando en contra da creación do CAFI considera que debe ter os seguintes departamentos  ou áreas: infantil,1 praza;  primaria, 1 praza;  científico-tecnolóxico, 2 prazas;  social-humanístico, 2 prazas;   lingua galega, 1 prazas;  lingua castelá,1 praza;  linguas estranxeiras, 2 prazas;  formación profesional, 5 prazas;  ámbito artístico, 1 prazas;  ámbitode educación física e ensinanzas deportivas, 1 prazas;  bibliotecas, 1 praza;  valores, 1 praza;  normalización lingüística, 1 praza.

O termo de plurilingüísmo que se lle aplica a un departamento do CAFI é inadecuado, inclúense nun mesmo saco todas as linguas.

Insistimos en que nos perfís débense incluír as funcións,  as titulacións e as especialidades.

No caso de FP, débese eliminar a esixencia de experiencia laboral no sector produtivo que se indica no perfil. En calquera caso é unha cuestión de baremo, non de perfil.

Non ten sentido a creación dun departamento de organización escolar, mentres se elimina, por exemplo o de bibliotecas. En calquera caso, débese eliminar a experiencia en equipos directivos; pódese ser un excelente asesor ou asesora sen desempeñar previamente a dirección dun centro.

O departamento de ensinanzas artísticas carece de perfil, por que?. Debería esixirse a titulación nas materias correspondentes.

No departamento de tecnoloxías da información e comunicación débese eliminar: experiencia como coordinador/a, relator en cursos, titor de formación, etc. . Terías que acotar con corpo, titulación e baremos.

No departamento de Formación e innovación  a prolixa descrición do perfil non é adecuada, de novo, debería substituírse por titulación concreta ou especialidade.

En canto ás asesorías do Servizo de Formación do Profesorado, os perfís indican aspectos propios do baremo. A persoa que se queira presentar non sabe que funcións ten que desempeñar. Como se van medir e comprobar os perfís que se indican?Consideramos que neste servizo deben incluírse tarefas relacionadas coa formación como os programas europeos, formación para a inspección, convenios con universidades e outras similares.

ASESORÍAS DE CFRs.

Con relación ás asesorías dos CFRs., a CIG-Ensino considera que deberían aparecer os 17 ámbitos ou áreas que mencionamos para os departamentos do CAFI. En todo caso, deberíase eliminar a referencia á experiencia laboral no sector produtivo. Propoñemos as mesmas prazas para o CFR de Santiago, independentemente do CAFI.

A CIG-Ensino considera que as direccións dos CFRs deberían ser elixidas polos aseores e asesoras dos mesmos, non por concurso de méritos como establece o decreto de formación en vigor.

Observamos un claro desequilibrio na oferta de vacantes no caso de Ferrol, que presenta unha diminución de prazas considerable. O normal sería que houbese, cando menos un dos perfís indicados en cada CFR. Deberían incluír os seguintes departamentos ou áreas: infantil, primaria, ámbito científico-tecnolóxico,  ámbito social  ou humanístico, lingua galega, lingua castelá, linguas estranxeiras, formación profesional, integración e orientación, ámbito artístico, ámbito de educación física e ensinanzas deportivas,  bibliotecas, valores, normalización lingüística. O ámbito de organización escolar debería desaparecer e ser substituído por orientación e integración.A Consellaría indica que a redución se basea nun criterio obxectivo que é o número de profesorado que atenden; non ampliará a oferta.

  O CFR de Vigo, atendendo a un número similar de docentes có da Coruña, conta con unha praza menos; a Consellaría confirmounos que se trata dun erro e que negociará con este CFR a materia da praza que se lle asignará a maiores.

Solicitamos os centros colaboradores; é difícil que unha persoa solicite unha praza se non sabe onde vai estar situada. A Consellaría entregounos na propia Mesa Sectorial a listaxe que achegamos. Tamén reclamamos que continuasen funcionando as actuais extensións do CFRs.

ANEXO IV.

BAREMOS.

1.-Débese eliminar a puntuación por catedráticos.

  2. -A dirección de asesorías non se debe valorar, hai moi poucas persoas que poidan ter este mérito.

5.4.-Os relatorios relacionados coa plaza á que se opta aparecen duplicados, aparecen de novo no apdo.  Aceptan revisar este aspecto.

3. Todo o apartado 3 debería ser eliminado. Se se mantivese, habería que incluír tamén coordinación de ENL. O apdo. 3.5 debe ser eliminado xa que non se poden valorar cargos políticos eadministrativos.

4. A antigüidade debería ser de 0.25 por ano e incrementarse o total a 3 puntos. Van revisar esta proposta.

5. Nas publicacións deben dividirse entre o número de autores non só os libros senón tamén as restantes publicacións.

Comparado coa puntuación asignada a libros, parece esaxerada a atribuída a artigos, chegaría con 0.10 por artigo. A Admón. acepta esta proposta.

5.2. É absurdo non puntuar artigos inferiores a 5 páxinas. Terán en conta esta observación.

5.4. A entrevista, como xa indicamos, debería ser eliminada. Non se acepta esta proposta.

Pedimos que se aclarase cales das actuais prazas de asesores/as, dado o pouco clara que resulta a información dos perfís nomeadamente do servizo de formación do profesorado,  están incluídas nesta oferta  e se as asesorías Abalar estarían incluídas ou non nestas prazas. A Admón. idicounos que non as prazas abalar non están incluídas e que se convocarán proximamente, o único que se oferta nesta convocatoria son prazas estrictamente relacionadas con formación.

Como resposta á eliminación de asesorías de Biblioteca indican que actualmente os asesores e asesoras deste ámbito estaban desempeñando outras tarefas.

Tamén nos contestaron que no caso do departamento de ensinanzas artísticas e deportivas, mirarían a posibilidade de crear dous dependendo do número de docentes da especialidade que haxa que atender.

Á petición de tirar da listaxe de presentados en caso de non cubrirse as prazas, din que recorrerán ao sistema comisión de servizo a dedo.

Volver