A CIG-ENSINO denuncia que a Consellaría de Educación non asume o seu compromiso efectivo coa atención á diversidade nos centros educativos dotándoos de máis profesorado

Proxecto de decreto atención á diversidade tratado na mesa sectorial do 05-05-11

Hoxe debateuse na mesa sectorial o proxecto de decreto de atención á diversidade. A CIG-Ensino criticou que se trata dun proxecto moi xenérico e indefinido, no que non se fixan recursos, nin medios, nin cadros de persoal, nin rateos... o que abre serias dúbidas sobre a aplicación efectiva do Decreto. Desde a CIG-Ensino valoramos que estamos ante unha proposta ambigua e inconcreta que, se non se corrixe, non vai significar o avance que a atención á diversidade precisa. Ademais criticamos que a Consellaría non dese o tempo suficiente para que este borrador tan importante puidese ser debidamente valorado cos centros educativos.

Toda a información da mesa: ligazón

A CIG-Ensino observa unha falta de compromiso total da Consellaría para garantir todos os recursos necesarios e unha vez máis traslada a responsabilidade aos centros educativos sen ningún compromiso de facilitar recursos e atender as súas peticións, e sobrecargando o traballo dos centros en aspectos burocráticos e administrativos. Por todo isto a CIG-Ensino entende que o Decreto non procura na práctica a inclusión efectiva deste alumnado na aula e centro ordinario que lle corresponde. Neste sentido, esiximos, en primeiro lugar, que a escolarización preferente en centros específicos e aulas específicas debe ser moi, moi excepcional.

Para a CIG-Ensino este Decreto debe recoller imprescindibelmente a dotación de todos os centros cos recursos necesarios para poder integrar o alumnado no centro e unidade que lle corresponde.  Neste sentido deberán explicitarse os cadros mínimos de persoal, incluíndo a presenza de todos os especialistas necesarios: educadores/as, traballadores/as sociais, coidadores/as, das que nada di este Decreto, sendo un persoal fundamental, técnicos/as de linguaxe de signos, etc.

     A CIG-Ensino esixiu que todos os centros conten coa dotación de profesorado de Pedagoxía Terapéutica (PT),  Audición e Linguaxe (AL) e orientación escolar. De acordo con isto todos os centros de seis ou máis unidades deberán contar cun orientador ou orientadora a tempo total, os centros a partir de 9 unidades contarán cun/ha profesor/a de AL como mínimo e tenderase a dotar de segundo orientado e segundo AL a aqueles centros de máis de 18 unidades. Ademais incrementarase un posto máis de PT cando se  escolarizan alumnos con trastornos motóricos, psíquicos, trastorno de conduta, síndrome de hiperactividade e un máis de AL cando haxa casos de trastornos sensoriais.

Por outro lado para que a atención á diversidade sexa realmente efectiva a CIG-Ensino entende que cómpre o establecemento da dotación orzamentaria necesaria, a elaboración dun mapa de orientación escolar, o establecemento de medidas preventivas que recollan a necesidade dunha avaliación inicial psicopedagóxica a todo o alumnado para poder actuar a tempo e con éxito. Debe garantirse o estabelecemento das medidas precisas de redución horaria, formación específica, etc.  para impulsar a titoría como primeiro nivel de actuación no campo da orientación e da atención ao alumnado con necesidades educativas de apoio específico.

A CIG-Ensino reclamou que se estableza a redución das rateos, é preocupante que non apareza nada, nin sequera a disposición a reducilas cando se escolarice alumnado con necesidades educativas, ou a redución de rateos en infantil que é unha proposta do PP e pasou o ecuador da lexislatura sen que se recolla. Entendemos na CIG-Ensino que debe reducirse a rateo con carácter xeral a 15 alumnos/as por aula en Educación e Primaria e 20 en Secundaria, contabilizando sempre o alumnado repetidor e reducindo estas rateos cando se escolarice alumnado con necesidades educativas especiais.

Finamente indicar que no Decreto se fala da colaboración das familias mais non se recolle a promoción real da conciliación da vida familiar coa vida laboral durante a escolaridade obrigatoria do alumnado para facer efectiva esa colaboración, por tanto a CIG-Ensino propuxo que se recolla o dereito do traballador e da traballadora á ausencia do posto de traballo para entrevistas co titor/a do seu fillo/a cando sexa necesario.


Toda a información da mesa: ligazón

Volver