A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación concerta ciclos formativos con centros privados vinculados ao Opus Dei que lles nega aos centros públicos

A Consellaría de Educación segue favorecendo os centros privados vinculados ao OPUS DEI que segregan alumnado por razón de xénero

A semana pasada, a Consellaría de Educación publicaba a listaxe provisional de alumnado admitido nos ciclos formativos de FP para o vindeiro curso 2013-2014. Nesta resolución, a Consellaría aplica a Oferta de ciclos de formación profesional inicial en centros sostidos con fondos públicos. Curso 2013-2014 que soamente pode ser consultada na súa web, na sección de FP, e que non foi tratada na Mesa Sectorial de Educación, nin no Consello Galego de FP, celebrado o día 12 de xuño, onde soamente se tratou a oferta de ciclos formativos nos centro públicos, a única que foi publicada no DOG até o día de hoxe. É dicir, a Consellaría está aplicando unha oferta formativa que non foi levada aos órganos preceptivos nin publicada. Da lectura desta oferta, podemos deducir a que centros privados se lles van conceder Ciclos Formativos, algúns negados a centros públicos, pois como xa denunciou a CIG-Ensino, en anos anteriores, a Consellaría agarda ás datas de vacacións para publicar estes datos, como así aconteceu no anos anteriores en que esta información non saíu no DOG até a segunda quincena de agosto.

Este é o caso do Ciclo Superior de Integración Social, solicitado, polo menos, polo IES de Chapela, en Redondela, e CIFP A Xunqueira, de Pontevedra, aos que se lles denegou por ser o ciclo de Integración Social un ciclo que aínda mantén o currículo da LOXSE e que non foi actualizado coa LOE. Esta situación dáse en moitos máis ciclos e prodúcese pola neglixencia da Consellaría e do Ministerio á hora de actualizar os ciclos e desenvolvelos de acordo coa LOE como vén reclamando reiteradamente a CIG-Ensino na Mesa Sectorial desde o curso 2011-2012.

Mais agora comprobamos que o ciclo que lle foi negado a estes dous centros públicos, polo menos, si se lles vai autorizar a dous centros privados de Vigo, un deles o CPR San José de la Guía que xa o tiña autorizado pola orde de agosto de 2012 até que finalice este curso, e o outro o CPR Aloya, un centro vinculado ao Opus Dei que goza dos favores da actual Consellaría de Educación pois autorízalles os concertos, a pesar de segregar o alumnado por sexo. Este centro non contaba con este ciclo, mais polo que parece si o vai ter o curso que vén, pois así aparece nesta oferta que a Consellaría colgou na súa web para os efectos de que o alumnado solicite praza. Neste caso, semella que á Consellaría non lle importa que sexa un ciclo LOXSE. 

 

A CIG-Ensino denuncia esta actitude da Consellaría de Educación, descaradamente parcial  e impresentábel, que  desvía diñeiro público a centros concentrados retrógrados para realizar estudos postobrigatorios, mentres se lles nega aos públicos. Por que non se ofertan esas prazas no ensino público en lugar de facelo na concertada? Por que se obriga a unha alumna ou alumno que queira cursar este ciclo e non poida desprazarse a Ourense ou á Coruña, únicos lugares en que existe oferta deste ciclo na pública, a ter que asumir un ideario que no caso do CPR Aloya é declaradamente pro Opus Dei para poder realizar esta formación? Como se forma en "integración social" nun centro en que na propia páxina web se editan artigos do prelado do Opus Dei? Vaia por diante xa que nun dos centros públicos nos que se solicitaba o ciclo hai espazo e profesorado suficiente para impartilo, o que suporía un aforro considerábel para a Consellaría que, ouh casualidade!, neste caso esqueceuse da austeridade e prefire gastar miles de euros e favorecer os seus amigos da privada.

A CIG-Ensino empraza a Consellaría a que responda a estas e outras cuestións, pois neste momento é ilegal que lle conceda concerto a este centro e a outros catro que coma el segregan o alumnado por sexo. 

Hai que sinalar tamén que a oferta nos centros privados para este ciclo supera a dos centros públicos:

Ciclo superior de Integración social

Oferta en centros públicos

CIFP Ánxel Casal (A Coruña)

CIFP Portovello (Ourense)

Total oferta en centros públicos

 

30

30

60 prazas

CPR Aloya (Vigo)

CPR Plurilingüe San José de la Guía (Vigo)

Total oferta centros privados

30

40

70

Unha vez máis a Consellaría do PP favorece a privada e agride a pública e faino cos cartos de todas e todos, desviando diñeiro público a centros confesionais e segregadores.

Volver