A CIG-Ensino denuncia as formas e o fondo dunha proposta de acordo impresentábel e négase a debater ningún texto que non incorpore a recuperación do horario lectivo

A CIG-Ensino demandou, en solitario, a retirada do documento e solicítalle ao resto de organizacións sindicais responsabilidade e firmeza á hora de defender as demandas do profesorado

A Consellaría limitouse a emprazar a unha nova negociación este mércores sen avanzar se incorporará cuestións que supoñan melloras reais das nosas condicións de traballo.

Despois da emenda á totalidade formulada pola CIG-Ensino, pedindo a retirada da proposta e a incorporación de medidas concretas para recuperar horarios e eliminar burocracia, alén dunha redución de ratios xeralizada en todas as etapas educativas, o sindicato maioritario lamenta que as demais organizacións entrasen directamente no debate do articulado do texto.

A CIG-Ensino denuncia que se está a reproducir o mesmo modus operandi da Consellaría que vivimos na farsa negociadora das retribucións docentes de 2018: acelerar unha suposta negociación e procurar pechala canto antes se encontra sindicalismo dócil que estea disposto a asinar. A CIG-Ensino apela á responsabilidade de todos os sindicatos para non ceder a esta chantaxe e a manterse firme na defensa dos dereitos do profesorado que durante 14 anos sufriu un empeoramento das condicións de traballo (horarios, ratios, burocracia) e un desprezo constante por parte da administración ao seu labor.

Esta estratexia da Xunta do PP está claramente condicionada pola campaña preelectoral que Rueda vén de poñer en marcha e na que, unha vez máis, o profesorado é refén dos intereses partidistas do grupo político que sustenta o goberno. O sindicato maioritario no ensino público galego non está disposto a ser cómplice doutro engano máis.

Para a central nacionalista é unha "tomadura de pelo" que quen perpetrou os maiores recortes no ensino público presentara un documento no que só se recolla unha baixada de ratios nas etapas de infantil e primaria, que non se materializaría até dentro doutros 10 anos, ignorando o resto de etapas (Educación Especial, ESO, Bacharelato, FP e Ensinanzas de Réxime Especial). É un escándalo que se pretenda pasar con “pés de lá” sobre a redución da burocracia sen alternativas concretas e inmediatas e no caso das esmolas retributivas estamos diante dun escenario peor que en 2018 porque neste caso nin sequera se propón que sexa universal para todo o colectivo docente.

Ante a nosa interpelación directa aos responsábeis da Consellaría sobre se a nova proposta que traerán á Mesa o mércores incorporaría a recuperación do horario lectivo, non houbo resposta. Limitáronse a afirmar que coñeceriamos o novo texto na propia Mesa. A CIG-Ensino considera unha falta de respecto que non se comprometan a enviar a proposta previamente. Isto non deixa de ser a mesma estratexia de sempre da Xunta, dividir a representación sindical, intentar conseguir que alguén lle asine de comparsa unha proposta de mínimos e vender electoralmente este acordo a costas do profesorado.

A CIG-Ensino formulará unha contraproposta ao texto da Consellaría só se o tema da recuperación do horario lectivo se incorpora no novo documento. Entendemos que deixar de lado por segunda vez esta demanda de redución das sesións lectivas, como se fixo no acordo retributivo de 2018, sería unha burla ao profesorado.

Información da mesa sectorial

Acordo sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do persoal funcionario e laboral docentes da Comunidade de Galicia que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación

Ligazón ao borrador do acordo

Concurso Xeral de Traslados

Recordade que este ano o concurso é de ámbito galego.

Ligazón ao texto do CXT

Ligazón ao CIG-Informa do CXT con toda a información da súa negociación na mesa sectorial.

Varios

Ligazón ao CIG-Informa dos varios

  • Constitución formal da mesa sectorial

    A CIG-Ensino solicita a constitución formal da mesa sectorial provinte das eleccións de decembro de 2022.

    Recordamos que a mesa estará formada por 8 representantes da CIG-Ensino, 4 de CCOO, 2 de ANPE e un de UGT.

    A administración di que está pendente de función pública.

  • Polos Creativos

    O sindicato esixe o nomeamento como persoal interino do profesorado que vai substituír ás coordinadoras ou coordinadores e a quen só se lles fai nomeamento até 30 de xuño

    O pasado 1 de xuño de 2023 o presidente da Xunta de Galiza anunciou a dotación de Polos creativos no 100 % dos centros educativos a partir do actual curso. Nese momento estaban pendentes aínda as convocatorias de persoal asesor da Consellaría e as prazas de nos centros de formación do profesorado (CFR), polo que se puido ter aproveitado esas convocatorias para incorporar os postos necesarios para a atención destes novos “polos creativos”.

    Porén, en ningunha desas dúas convocatorias apareceron as novas prazas, o persoal que até ese momento coordinar e a CIG-Ensino advertiu na Mesa Sectorial do 13 de xuño que o persoal que até o curso pasado atendía os 225 centros que xa tiñan este programa eran un número totalmente insuficiente para coordinar total dos centros galegos.

    Non foi até o 28 de setembro, cando a Consellaría tomou a decisión de  facer chamamentos para cubrir as prazas de 30 persoas que foron nomeadas sen convocatoria previa e dun xeito improvisado e irregular.

    A CIG-Ensino denuncia esta discriminación e solicita que os nomeamentos con fin de contrato a 30 de xuño se transformen en interinidades.

    A administración resposta que non vai nomear persoal interino -pagarlles o verán- xa  que son contratados con fondos finalistas da Unión Europea que ten que complementar e xa é un gasto moi grande.

  • Renuncia a vacantes de substitución de media xornada

    Ante as queixas que nos traslada persoal substituto de que no momento dos chamamentos, se renuncian a unha praza a media xornada se lles está aplicando unha renuncia xeral para todo o curso para este tipo de vacantes, a Consellaría matiza que isto non dá lugar a interpretacións e que se mantén o criterio de que se renuncia só a esa praza.

  • Problemas nas substitucións

    Desde a CIG ensino temos coñecemento que a menos de 15 días de comezar o curso xa hai problemas na cobertura de substitucións e mesmo de interinidades nalgunhas especialidades.

    Por outro lado, desde a CIG-Ensino solicitamos que o goberno do partido popular se adiante aos graves problemas que xa hai en moitas comunidades para atopar persoal para as listaxes de substitucións nalgunhas especialidades, instando á Consellería a facer un estudo das necesidades do sistema educativo para dotalo de profesorado suficiente, e recordámoslle que o primeiro que precisa é facer atractivo o labor docente para que as persoas tituladas queiran traballar como docentes, e iso pasa por mellorar as nosas condición laborais, que nos últimos anos sufriron un deterioro continuado.

    A Consellaría admite o problema, que segundo eles se acrecenta pola non convocatoria de oposicións ordinarias este ano, xa que os listados de substitucións tamén se nutren destas convocatorias.

    Di que a solución pasaría por ofertas amplas de emprego, que por certo é responsabilidade súa, a que espera?

  • A CIG urxe a aplicación do permiso parental de 8 semanas e a actualización do pago de dietas por quilometraxe

    O sindicato trasladou tanto á Consellaría de Educación como a Función Pública, de quen están pendente en última instancia os cambios e adaptación da normativa estatal para a súa plena aplicación ás empregadas e empregados públicos da Xunta, que se dea luz verde canto antes tanto á actualización das axudas de custe (dietas) como ao permiso parental que está paralizado á espera de que se desenvolva a nivel galego.

    O subdirector xeral indica que enviará unha comunicación ás xefaturas territoriais para que quede claro que está en vigor a nova redacción do permiso por enfermidade ou hospitalización.

Volver